27/09/2008

Apariencias

Din que "a primeira impresión é a que queda", ou que "comemos polos ollos" (non fago referencia a temas gastronómicos, neste caso). Cando coñecemos a alguén non podemos saber de inmediato as súas virtudes, os seus defectos, se nos cae ben ou non. Ás veces quizais pareza que si, por intuición, ou porque xulgamos tan rapidamente que non damos a oportunidade de mudar de opinión. A apariencia física prima maiormente sobre tódalas cousas, ou, tal vez, unha personalidade carismática que nos engancha sen saber a causa (moitas veces inducida pola adulación, psicoloxía pura e dura, pois saben dicir o que queremos oír sen que se note, xente cuxas dotes interpretativas superan ou igualan ao mellor actor/actriz).

Para desenguedellar a simple-complicada esencia humana estiven lendo un documento que fala dos xestos, da linguaxe corporal. Supoñer (digo supoñer, pois cando alguén raña no nariz, por exemplo, ao mellor tan só significa que lle pica) que pensan, que sinten, e, en fin... multitudes de estados de ánimo. Non é un estudio sociolóxico, simplemente é un xeito de entender/me cada día un pouco máis.

Sigo nesta busca existencialista. A intelixencia é a que nos move, a que nos impulsa a querer saber, intentar redescubrir quen somos, que facemos, a onde imos, en resume... ¡que carallo pintamos neste planeta azul!


NON TODO É SEMPRE O QUE PARECE


25/09/2008

Fume na cabeza

Ás veces é inevitable acabar sentíndose un bichiño raro. Esta busca interior, exterior, do inexplicable, da existencia, do mundo, do universo, dos sentimentos, da mente, do corpo humano... Tantas preguntas tentando acadar unha resposta que non sería abonda unha vida enteira aínda que chegásemos aos cen anos. Levo unha tempada atraendo a min todo tipo de libros, vídeos, documentos, etc... que satisfagan a curiosidade innata do todo e máis da nada. Ás veces maxino que son un pouco "friki", non me importa demasiado pensalo, pois non o creo. Acho que as mentes curiosas quizáis poidan axudar, con pequeniñas accións (que formen unha cadea e poidan chegar a ser enormes) a facer deste un mundo mellor.

O día en que alguén vexa a unha persoa botando fume pola cabeza, ésa serei eu. E non fume tóxico como o do tabaco, senón un fume limpo e branco (como cando elixen Papa) provocado de tanto pensar.





18/09/2008

Vampirismo


Sempre tiven uns caninos afiados, pensei que sería a xenética ou porque me encanta roer os ósos do polo ou de calquera outra carne que me guste, como a costela. O pobriño do meu can, o cal pasou toda a infancia comigo e parte da adolescencia, pasaba fame pola miña culpa. Ademáis que a carne prefíroa media crúa, co seu sangue polo medio, senón resulta como comer o adoite do zapato.

Agora, cos anos e con moito cachondeo, cheguei á conclusión de que son unha vampira. E non polo feito de ter uns dentes afiados, senón porque me deito tardísimo, case cando amence, para despois andar cansa todo o día. Xa se sabe que nunca se descansa mellor que pola noite, é o ciclo natural do día. Os meus biorritmos están tan desorientados que xa case parezo un zombie. Pero que lle imos facer... adoro o silencio da noite, a tranquilidade, a falta de ruidos de todo tipo: coches, xente... e ese modo de conectarse con un mesmo sen ningún tipo de interferencia.

Cada tolo co seu tema.


17/09/2008

Mente positiva

O verán está chegando ao seu final, para o meu entender xa rematou no mes de agosto. O tempo non acompañou demasiado, nembargantes en Galicia esto do clima xa é todo un clásico. O bronceado foise tan rápido que apenas dou tempo a darse conta na estación que agora remata, xustamente o domingo. Non levo moi ben o outono, nin o inverno: vento, frío, choiva, días curtos e apagados, a festa consumista do Nadal..., ata a miña pel se apaga e vira branca coma o leite, sen falar dos pés e as mans conxeladas. Procurarei ver o lado positivo do cambio da estación, non queda outra (eso digo ano tras ano): as castañas, ver unha peli ao abrigo da túa casa mentres a chuvia bate na fiestra, o caldiño, as comidas potentes para quencer o frío, darse un baño na praia con mal tempo para sentir o corpo vivo...

O outro día lin, máis ben escoitei, o audio-libro de "El secreto" de Rhonda Byrne e pareceume moi, moi interesante. Pasoumo a miña amiga Marian, que tamén é unha forofa destes temas. Fala da lei da atracción, de que todo o bo e malo que vén á nosa vida é motivado polos nosos pensamentos. Así que hai que convencerse e tentar ter unha mente positiva e, como di unha frase de Buda que puxen nun post anterior:

Todo lo que somos es el resultado de lo que hemos pensado.

Espero cambiar o chip, xa que din que os do meu signo zodiacal non se atopan entre os máis felices, debe ser pola forma absurdamente realista, por non dicir negativa, de ver as cousas. Así que... MENTE POSITIVA!!!