24/02/2009

Entroido

Xa facía ben de anos que non me disfrazaba, como a H non lle gusta acabei por collerlle tirria eu tamén, pero non cos seus motivos eu opino que o entroido transformouse nunha festa consumista máis, a xente non se disfraza de calquera xeito, gastan unha pasta para lucirse. Eu recordo que antes disfrazábaste máis ben para que ninguén che coñecese, un xeito de saír á rúa a desinhibirse e soltar a melena, unha terapia tan boa coma outra calquera. Sen facer burradas, claro.

Non ía saír onte, non me apetecía pero unhas "amigas" (a xente que só está para tomar copas non son realmente amigos, ou si?) convencéronme e ao final discorrín rápidamente un disfrace, saquei (non recordo as palabras que me dixo Ramón, un home intelixente onde os haxa) á morta que levo dentro, diría eu. Fun de Noiva cadáver (non a de Tim Burton). A miña frase era: "Morrín antes de chegar a consumar o matrimonio, veño a este mundo a vingarme do asasino por deixarme ir ao máis alá sendo virxe" Hahahahahaha. Un psicoanalista facería estragos con esto. Eso que tiña pensado ir de meniña do Exorcista, pero faltoume H para ir de cura. Outra vez será.




14/02/2009

Corazonciños

Non sei porque me negaba a recoñecer, fai anos, o meu puntiño romántico. A parte fría capricorniana de min agardo pouco a pouco a que se afunda ata facela desaparecer, non quero ser capitán que se deixe ir co barco á zona máis escura e profunda ata o límite dificultando o rescate, cada vez máis quero ofrecer ao mundo o lado tenro e cariñoso que quizais tiña vergoña ou medo de amosar. Agora grito aos catro ventos, correndo risco de que me tachen de "cursi", que merco artigos con forma de corazón. O último, se non recordo mal, un marcador de páxinas metálico la mar de curriño cun pequeno corazón vermello no seu extremo superior, idéntico ao da imaxe.

Antes coleccionaba chisqueiros, pero como xa non fumo aparquei esa colección, quizais empece cos corazonciños, H botaríame da casa se se ve rodeado de tanto corazón, xa abonda unha Ágata Ruíz de la Prada. Terá que asumir a súa parte da culpa: debe facer sobre uns 11 anos cando no Entroido , coincidindo co 14 de febreiro, quitoulle á "caravana do amor" despois do desfile o corazón grande de cartón cuberto cun tecido vermello para regalarmo ás escondidas. Hai persoas que saben sacar o mellor de nós, esas son as que nos interesan.

FELIZ DÍA DOS NAMORADOS!!!





11/02/2009

Hormonas da felicidade

Hoxe chegoume ao correo un artigo dunha páxina web desas femininas, porque unha muller ten que estar ao día tamén en "chorraditas" de moda, beleza, saúde, psicoloxía... Falaba dos estragos emocionais que causa o inverno, teño a manía de pensar que son a única á que lle pasan estas cousas. A falta de luz: por días curtos e apagados; o cambio na alimentación: picamos máis, comemos comidas máis fortes deixando a un lado as froitas e certas hortalizas (están moi frías!!!) afectando bastante a o noso sistema inmunitario (son moi amiga do própolis e da echinácea, pero cando xa é tarde); non facer deporte para liberar endorfinas... as hormonas da felicidade.

*Consellos para liberar endorfinas:
  • Rir
  • Tomar alimentos produtores desta hormona: café, chocolate (agora entendo os meus antollos)
  • Facer deporte
  • Estar namorado
  • Practicar sexo
  • Masaxes
Animeime mirando o tempo no meteogalicia, este venres por fin lucirá un sol marabilloso: "un melocotón", así é como lle chamo eu cando vexo o parte na tele pola pinta que ten debuxado.



Lucirá este sol para celebrar o aniversario da miña nai, nun venres e 13 de febreiro.