24/02/2012

Encrucilladas e camiños

 A berros mo pedían o corpo e a alma dende fai moito tempo, negueime por momentos, desvieime por circunstancias e cando máis confuso e apocalíptico parece todo algo me di que o que aconteceu e acontece tiña un motivo que vou descubrindo aos poucos. Cando estás nun sitio no que non queres estar, pensa que foi o que che levou alí, salta os obstáculos un a un, pero non te esquezas que sempre hai un porqué. Hoxe dinme conta de cal é. Despois de tanto sufrimento comezo a encontrar o meu verdadeiro destino, o que me trouxo aquí. Non se pode andar fuxindo, hai veces en que hai que deixarse levar pra atopar o sentido das nosas vidas se non se atopa dende un comezo, quizais por ignoralo. Coñecín persoas e situacións que me trouxo o azar, o que andaba buscando, porque atraemos o que necesitamos no momento exacto en que o necesitamos. Cando non é así é porque outros traxectos son necesarios para unhas aprendizaxes que son fundamentais, experiencias que nos mudan e nos converten no que agora somos e no que seremos. Hai persoas que prefiren non cuestionarse nada diso, eu sempre intentei coñecerme, porén de xeito erróneo, desviando a atención do que verdadeiramente está en min. Dentro desta encrucillada comezarei a andar, polo menos xa atopei un sendeiro polo cal decidirme, virán outras encrucilladas pero o primeiro paso é moi importante. Nunca é tarde.

13/02/2012

Cadeiras rotas...

A cadeira convidoume a sentar, estaba radiante, luminosa, chea de vida e cor. A atracción era mutua, coma un imán achegándonos a unha á outra, como se fosemos as pezas dun puzzle que había que encaixar, nembargantes avisábame que podía rachar en pedazos, máis quería que a probase, necesitábame dalgún xeito. Non podía fixarme en ningunha parte en concreto, vía o conxunto; fermoso, cheo de forza e aguante e acubillada entre os seus brazos longos de madeira e os seus coxíns de suave e esponxoso tecido quedei durmida. A seguinte vez que pasei por diante dela chamábame por momentos, outros intres non quería saber nada de min inmersa en silencios, pensaba que o peso do meu corpo a crebaría, aínda que quixese sentirme unha vez máis. Nun sobresalto espertei, un estrondo dentro do meu soño fíxome recapacitar véndome ferida e no chan. Botándolle as culpas á cadeira que me confundía decidín atacala sen piedade, por me incitar nun comezo a sentar, por darme a coñecer a súa comodidade pois eu sentía que non era igual con ningún outro tipo de asento, ademais xusto cando máis débil estaba e máis necesitaba o descanso. E así rematou a historia, a cadeira ofendida marchou, esvaeceuse, non quería que ninguén nunca máis sentase sobre ela, e auto condeándose, desapareceu... Seguramente algún día atopará outra persoa que poida acubillarse sobre ela, o meu foi unha proba e aí quizais non haberá partes rotas nin reais nin imaxinarias, pois será a adecuada.



06/02/2012

Que pasaría se os peidos fosen de cores?

Ignoreite por un tempo sen saber que te necesitaba pra sobrevivir. Os teus berros facían eco por cada parte do meu corpo recordándome a túa presencia, loitando por saír. Pensaba que neste mundo cruel non tiña razón de ser o seguir contando contigo, coa túa ledicia e despreocupación, cos teus soños, cos teus xogos, coa túa inocencia e forma peculiar de ver a vida. Saqueite pouco a pouco, volveron eses detalles que te fan única decatándome de que formabas parte de min, que por moito que pasasen os anos seguirías alí, que non podería evitarte sen lastimarme. E así a nena que un día fun volveu saír: o patiño amarelo de goma que nunca tiven comezou a xogar comigo na bañeira, as cancións alegres saían da miña boca sen importar quen escoitase, os brincos de cabuxiña tola camiñando pola rúa, as ganas de voar sen necesidade de ter ás, as improvisacións rompendo coa rutina, as imaxinacións grotescas que me facían rir, ese puntiño de loucura que me facía vibrar, e un sen fín de sensacións.

Viaxar polo arco da vella cal tobogán, vestir o traxe de Superman desfrutando o encontro coas nubes, peiteadores do cabelo nas mans diante do espello entoando calquera canción, fotos coa lingua de fóra e os ollos revirados, busca de mecos e agarimos cal gatiño ronroneador, imaxinar que pasaría se os peidos ou cacas fosen de cores vistosas, trasnadas sen malicie invitando ao xogo, inventar palabras sen sentido...

Re-benvida nena interior!!!


02/02/2012

Sempre volta a primavera

Outra folla devece por caer dunha das miñas ramas, con tristura déixoa ir, ollo como flota a cámara lenta balanceándose no ar ata aterrar no chan. Detrás desa van unha a unha fuxindo de min, extinguíndose paseniño ante os meus ollos ao meu arredor, sen poder facer nada. Un cemiterio marrón do que foi verde vida e, mentres van caendo, dinme que non me preocupe, que ten que ser dese xeito, que o curso da existencia non se pode conter. No seu último alento repítenme que non me esqueza delas, que o seu cometido toca á súa fin; a aprendizaxe permanece onde outras novas emerxerán insuflando a vitalidade que poida parecer perdida. O cambio de estación é duro, e, media espida, agardo o frío inverno, ata quedar totalmente núa. A espera faise eterna, porén a primavera retorna cando menos o esperamos, e pouco a pouco, esas ansiadas follas que nos vestían co seu exuberante verdor brotan unha vez máis do noso ser.

Hai momentos en que todo parece alonxarse, o coñecido desaparece para evolucionarmos, e, aínda que supón un caos frenético, temos que superalo porque é aí onde a sabedoría aparece, dos momentos malos sacamos a fortaleza que pensabamos que non posuiamos, diferenciamos o beneficioso do nocivo, conquerimos sabedoría, ampliamos experiencias, renovámonos… En fin, que axiña volverán as flores, os paxariños aledando cos seus cantos e a fermosa cor da natureza alumeada por un brillante sol. Así son os ciclos da vida.