05/08/2012

Cadeas imaxinarias

Púxose na punta dos pés, ergueu a man endereitando o brazo o máis que podía nembargantes non daba chegado, os seus soños ficaban lonxe de máis. A bola negra, enferruxada e pesada, atada cunha cadea á súa perna esquerda impedía o movemento. Unha bola que só vía ela, cargada de tristeza, recordos e medos.
Cada día que pasaba comía menos, conseguindo que fraquease en forzas. Tantos cambios tíñana totalmente desubicada, aillada por vontade propia sen case afectos nin quen puidese entendela, botarlle unha man pra ver que nada era real, que hai que soltar lastre pra poder avanzar e que un mesmo é quen se detén entrando na espiral de desilusións. Tiña moito ao seu alcance, porén non podía velo, dentro da escuridade a plena luz do sol nunha morte lenta en vida pese á aparencia externa de mil cores. Padecía un pouco tamén de "terribilite", ese cúmulo de emocións negativas que rodan cal alúde sendo a onda expansiva cada vez maior destrozando todo ao seu paso. Os intentos que facía por saír non parecían nunca suficientes, non lograba velos, vía só o moito que aínda lle quedaba, e o primeiro: desfacerse desa áncora imaxinaria que seguía atándoa á escuridade pese a non pertencer a ninguén nin a ningures.


02/08/2012

Remando

No primeiro intre de saír da perruquería pensei: ¿que fixen? Ás veces aínda me custa recoñecerme ao pasar por diante do meu reflexo e penso: ¿quen é esa? Parece mentira o que pode facer un cambio de look tan simple como aclarar a cor do cabelo. Sempre que algo muda en min (ou quero que mude) fago un cambio no aspecto exterior, unha simbiose entre o interno e o externo, recordándome os porqués ao verme. 

Hoxe ando incubando unha gripe ou algo semellante e a mente acompaña ao corpo nese estado doente. Rebélase dicíndome que vai custar, que o esforzo ten que ser moi grande pra ver os resultados e protesta á súa maneira, enfermando. Xa din que somos mente, corpo e espírito. Tamén me pregunto cal é o sentido de tanta introspección, ¿a onde me leva? Hai días en que apetece abandonarse, de fuxir dos pensamentos cunha longa carreira enfundada en roupa deportiva, meditación ou unha boa charla coa xente que me coñece ben facéndome sentir que todo o que acontece paga a pena, que a vida di "espera un pouquiño máis". Os que parecía que estaban e non están pode que teñan os seus propios conflictos e non poidan reaccionar, máis como me dixo H: os amigos estamos pra iso, sempre, pase o que pase. Quen non están "non lle busques explicacións nin desculpas, esquéceos". A verdade é que pode que teña razón, pois eu podo estar "fodida" máis sempre disposta cando alguén que quero me necesita. En fin, que dá igual que sexas bonita, fea; alta, baixa; intelixente, aparvada; triste, alegre; toxo, amorosa... quen te quere, enténdete e está ao teu lado aínda que sexa mediante a tecnoloxía cando hai distancia por medio. A vida sen apoios sería imposible, non somos náufragos perdidos nunha illa deserta. Non sempre fago ben as cousas, porén sei de sobra que intento aprender dos erros e mudar xeitos destrutivos de vivir e, tamén sei, que si hai quen te ve máis aló do que as palabras din, que ve quen es realmente. Non sempre o que acontece é culpa de unha malia que así o crea. Náufraga, segue remando!!!

Hoxe saqueime fotos, ¿pra recordar o que dixen antes?