25/02/2010

Contacto sen contacto

Esta válvula de escape quedou totalmente no olvido. Outras ferramentas chegaron ás miñas mans, tal como o famoso Facebook ou o Tuenti, marabillosas ou infernais redes sociais nas que nos enteramos da vida de todos, o que pensan, o que sinten, aficcións, gustos... e un sinfín de cousas máis. Cales deles son de verdade amigos? Imposible sabelo. Outros nin coñecidos pero unidos por unha causa común, tal como a defensa da nosa lingua, por exemplo, tan actual nas nosas vidas grazas a certos personaxes que nos fan pór en pé de guerra.

E así andamos; facendo que o mundo xire, que avance grazas ás novas tecnoloxías. Amizades virtuais que desvirtúan o cara a cara, as relacións en persoa. Abonda con premer un botón, situarse diante da pantalla do noso computador para estar no día a día dos nosos coñecidos, familiares, amigos, inimigos... case a cada segundo, algo impensable noutros tempos.

Isto vaime recordando cada vez mais a peli de Stallone "Demolition Man" na que para facer o amor usaban uns aparellos colocados na cabeza, con forma de casco, creo, non me lembro moi ben. Nada de contacto físico. A ver a onde chegamos realmente. Bueno, así non hai que preocuparse nin polo alento, nin se estás ben depilada.

Atopei o vídeo en Youtube, así que aí vai. Acabo de recordar algo da peli e sigo coa intriga: como carallo se usaban as tres cunchas? Hahahahahahaha...