25/07/2012

Raiaduras


Este blog éme igualiño que unha sesión de psicanálise, exceptuando de que as pausas e rectificacións que preciso teño que buscalas eu mesma (ou grazas a conversas e interaccións con outra xente para ben ou para mal) e, aínda que igual ou máis lento, afórrome os 60 euros semanais. Pra moitos isto é unha raiadura infernal, pra min pode que tamén máis como é "meu" fago o que me peta e, sen ánimo de faltar, quen non queira ler que non lea, porén creo que non son a única que pasa por isto e igual axuda a pensar a quen non se atreve a facelo. A espiral é inmensa e interminable, pero cando boto a vista atrás doume conta de que valeu a pena o recorrido, e o que me queda!!! Quizais non teño os coñecementos indispensables (quédame moito por vivir, aprender, ler, compartir...) e me erre moitísimas veces, máis pasiño a pasiño faise o camiño (e ata rima). Sorpréndome a min mesma en cada post, non do xeito que espero, senón de que vou vendo as mutacións que sofren os pareceres e do cambiantes que chegan a ser os pensamentos que, unha vez relidos, fan que me estrañe do que expoño e pense se son eu realmente a que escribiu iso. Un xeito de xuntar pezas abríndome a outras realidades, deixando aos poucos subxectivismos que me encaixan en patróns de conduta que non me levan a ningures e, de paso, orientarme a novas e diferentes emocións.

Sempre oín que o máis importante é recoñecer onde fallas e de aí dar co xeito a transformarte, nembargantes sen condicionarse polo que os demais esperan de ti, con personalidade e sen deixarse influenciar por outros pra te sentires aceptado. A esencia de quen son ten que permanecer inmutable ao que rodea e, sen danar, forxarme como a persoa que son e quero ser. Sempre pra ben. Pois nada, que queda raiadura pra "rato" e gato.

24/07/2012

Entre cancións

Sempre fun consciente do que me gusta e me enche cantar, é a faceta na que máis me vexo a min mesma, Mar ao 100%, plena e feliz. Este vídeo é de onte, non daba durmido e morría de calor e o que me apeteceu foi cantar aínda que fosen as catro da mañá e gravarme pra verme reflexada no que máis me gusta facer no mundo mundial. Tentei non facer moito ruído pra non molestar aos veciños, pero iso é o bo de vivir nunha casa en vez de nun piso, podo permitirme o luxo de botar uns cantos berros de cando en cando pra sentirme ben. Esas pequenas cousas...

23/07/2012

Who am I?


A mente humana é do máis complexo e difícil de descifrar. Hai tantos intres nos que non interpretamos con exactitude o que nos quere dicir: ¿por que actuamos dun xeito ou doutro?,¿ por que nos gustan certas cousas e non outras?, ¿que nos atrae?, ¿que odiamos?... As nosas vivencias e experiencias dende cativos inflúen moito nos nosos comportamentos, nas formas de pensar e sentir. A mente é un labirinto interminable de explorar, dado que cando cres que te aproximas máis á propia comprensión volve algo que se che vai das mans e dá a impresión de que é unha meta imposible de alcanzar.

Como nos ven os demais tamén forma parte da aprendizaxe, as diferentes etiquetas que nos colocan por meras suposicións, polo que "supostamente" transmitimos e tamén por quen eles son, ven o que queren ver. Como me dixo a miña curmá o outro día: "Os nosos inimigos son os nosos mellores mestres". Pra uns podo ser un anxo, pra outros unha frívola, quizais despreocupada e alegre, ou pode que unha narcisista que sempre pensa en si mesma e non deixa de escribir sobre ela no seu blog. Pra min o fundamental agora é iso, coñecerme, non se trata de ser ególatra, senón de afondar na esencia de quen son realmente. Podo ter a disposición de axudar e cambiar o mundo, máis se non comezo por min mesma... "Sé o cambio que queres ver no mundo", intenta "predicar co exemplo máis que coas palabras". Ai, que difícil parece!!!

A xente búscate cando aparentas unha persoa misteriosa, se ocultas as debilidades, se tes boa presencia, se ven motivación en ti que os motive e un sen fin de elementos que nada teñen que ver coa miña forma de actuar. Vou de fronte, digo quen son aos catro ventos, sempre auténtica (ou iso procuro), intento mellorar como ser humano, etc... máis parece que iso non é suficiente pra os que me rodean, sempre piden máis e máis sen eles facer nada por cambiarse a si mesmos. Afirmo que iso me ten un pouco farta, do que esperan e queren de min, e até aquí cheguei. Non penso disfrazarme, ser outra persoa, agradar pra que me queiran... Así que reitero: até aquí!!!

Son testaruda cando me poño pero entro en razón se sei que non a teño; débil nalgunhas situacións (demasiado sensible), moi forte noutras; comprensiva máis cos que me rodean que comigo ás veces; atenta e preocupada cando alguén precisa que @ escoiten; son alegre maiormente máis decaio con facilidade ante a incompresión deste mundo tolo que vai ao seu; medrosa en ocasións, moi valente en outras; raiada por decepcións que me mergullan na desconfianza, aínda que procuro dar oportunidades e crer que a maldade non é tal... seguiría intentando dicir quen son, poñéndome etiquetas, moitas contraditorias, pero iso é o que somos todos, vivimos en contradicións continuamente, somos seres cambiantes. O que si teño claro é que quen pase polo meu carón nunca poderá dicir que fun outra persoa, sempre fun eu en estado puro e isto é o que hai. Quen se quede preto, saberá que non podo ser o que espera, pero si quen aprende e mellora coas circunstancias. Quedade ou marchade, pero na porta non vos poñades que atascades o tránsito das cousas boas que están a piques de chegar. Cada un sabe o camiño que seguiu e os zapatos que tivo que usar e xulgando non se vai a ningures, pero agora si, sendo un pouco egoísta, digo: ás veces poderiades ir todos un pouco ao carallo (bueno, voume incluir)!!!

21/07/2012

Luces e sombras

Foi moito tempo... atrévome a afirmar que ninguén me coñece como H, inclusive mellor que eu a min mesma en algúns sentidos. Intensos e longos diálogos a través dos anos que, pese ás distancias e aos cambios, seguen permanecendo vivos. Esas persoas "case" únicas (digo "case" porque quero crer que hai máis xente así no mundo) e especiais as cales, aínda que o destino as leve por outros camiños (ou nos leve) sexa polo motivo que sexa, fante entender que existen conexións diferentes ao resto dos mortais, que nunca se está tan só como poida parecer nalgúns momentos da vida. Isto último tamén vai por M e quero crer que irá por moitos máis que virán.

Polo comentario a un post pasado no que sae unha pequena referencia ás propias sombras, ao que nos atormenta, recordei un documental que vira meses atrás e, grazas tamén a un par de días de desconexión con H ofrecéndome unha vez máis a súa man, decátome, tamén unha vez máis, de que nada é casual, que todo o que acontece (para ben ou para mal) ten unha razón de ser. Encontros e diálogos que me aproximan a novos entendementos de min mesma e do que me rodea, xustiño neses intres en que volve a escuridade. El reaparece coa súa luz para iluminarme o camiño se eu perdín os propios recursos ou, si se deu o caso, pra erguerme despois dunha caída cando inevitablemente os meus xeonllos xa bateron contra o chan. E aí está, devolvéndome a claridade e, unha vez de pé, orientándome cara onde andar, aprendéndome a curarme as feridas para que siga adiante (así mo explica el coa súa forma peculiar de dar consellos e ánimos).

Está claro que todos temos sombras e que hai persoas que nos axudan cando nós somos incapaces a afrontalas (quen decide facelo, pois non se pode axudar a quen non quere ser axudado). Pasamos polas vidas dos demais por algún motivo porén hai que aceptalos como son (somos mestres e aprendices a un tempo e viaxamos en diferentes etapas de evolución) e aceptarnos a nós mesmos coas eclépticas emocións tan humanas, perdoarnos e perdoar os demais cando se cometen erros. H díxome algo así onte: non te castigues nunca máis, fas as cousas o mellor que podes e sabes. E recorda que quen te queira terá que estar disposto a evolucionar contigo afrontando tanto o estar dentro da luz como dentro da escuridade e contigo é un pracer facelo, porque aínda que non saibas ver de todo quen es, es unha inconformista e loitas sempre, non creas que non o fas.

Por persoas así preto é polo que vale a pena esta vida. 

17/07/2012

De "tiritas" e outros sentidos taponados

Quero pensar que todos nos preguntamos cousas semellantes ao longo do curso da vida, pode que produto das circunstancias que se nos escapan, ás veces, un pouco ao noso entendemento por moitas voltas que lle deamos. Hai etapas que se repiten, como se a lección non fose aínda aprendida, angustias que volven interrogando que fas mal  pra rematar pensando que algo erróneo está en ti, máis non toda a culpa recae nunha mesma, agás polas malas escollas, tanto por non ser o intre correcto como un medio defectuoso. O que merece a pena custa esforzo, nembargantes sabemos que cando é o momento axeitado tornan os esforzos en  doados, máis do que imaxinabamos e que insistir nun mesmo erro é do máis absurdo e agoniante.

A intuición sempre está aí, cremos que a perdemos, quizais ignorámola por adaptarnos ao que queremos que sexa, pero a verdade acaba saíndo ao final do que pensabamos nun inicio. É vital dar oportunidades, de todo se aprende, porén enganámonos a nós mesmos con algún camiño que decidimos seguir, obviando que nos levará a onde non queremos ir. As persoas tamén aparecen nese camiño: por afinidades, por vivencias semellantes, por suposto apoio... as cales nos fan estar un pouco menos sós e incomprendidos neste mundo, porén cegámonos fuxindo da realidade e, aínda que cremos escoitármonos os uns aos outros, somos seres egoístas intentando repararnos sen ter en conta como quixeramos aos demais. Un barullo psicolóxico que impide ver máis aló do que os ollos nos amosan e menos aínda descifrar o que esconden as palabras que oímos. Somos así por natureza, pola autoconservación, sobre todo cando as condicións internas e externas nos bloquean, ou deixamos que nos bloqueen pois se hai intención de dar un paso adiante pra superar barreiras, deixamos atrás un toma e daca que fire entre posturas que soan a ameaza máis que o que é maiormente.

Veñen despois os lamentos, eu dixen ou quería dicir, ti entendes ou quixeches entender... xordos mergullados en sen sentidos sen chegar a ningún acordo. Só se paraliza quen non pretende saír desa inercia, vendo o que se quere ver, sen reaccionar, buscando entendemento por outras vías, afastándonos de conflictos, sen contar con ninguén por medo a seguir defraudados, covardías que resaltan parches pasaxeiros, da felicidade que se evapora por ser algo momentáneo e fugaz, sen ser o esperado. Así que... non creas que te entenden ou que te ven como es, es o seu simple reflexo ou quizais o que precisan nun intre determinado. Corpos con nicotina que te ven coma ese parche de quita e pon, corpos magoados que te ven coma unha "tirita" que cubre as feridas que non queren ser curadas, en calquera intre acabas no lixo despois da túa función. Cada un que entenda o que queira entender: se non es a súa solución pois serás parte do problema. Onde queda a papeleira máis próxima?

13/07/2012

A infancia de X e Y en A

Na aldea A vivía un neno chamado X rodeado de libros, adoraba ler e desconectaba do mundo que o rodeaba até o infinito entre eles, tanto na casa como na biblioteca á que acodía despois das clases. Os seus pais, sen ver como algo estraño a súa afección e aillamento, deixábano ao seu aire. Horas e horas de lecturas absorto nos coñecementos que ía adquirindo sen plantexarse que non era como os demais nenos, nenos que desas horas saían ao parque despois da tarefa feita (os que a facían), que despois dos deberes tocaba divertirse con outros da súa idade como nenos que eran. No desfrute da amizade entre aventuras de indios e vaqueiros que facían tan reais entre "¡piums, piums, mateite!", na emoción de buscar o sitio máis agochado á hora do "escondite", nas palmadas entoando cancións con movementos pactados e rítmicos, nos chimpos sobre as gomas que ían subindo en altura e dificultade a medida que avanzaba a partida, nos deportes varios, nos paseos en bicicleta, na busca de bechos marabillándose con outros seres vivos entre a natureza... X era feliz na súa burbulla solitaria e intelectual.

Un día chegaron uns tíos que non vía dende que case era un bebé, nin os recordaba. Como agasallo trouxéronlle un balón vermello, novo e impoluto. Sen atracción absoluta por el, agás polo brillo feiticeiro e rechamante que desprendía, pousouno no estante dos adornos da súa habitación, até que, sen querer, deulle co libro que adquirira esa mesma tarde na biblioteca co fin de rematalo na casa. Co empuxe foi cara o chan dando o primeiro bote dirección aos cacharros de tinta que tiña enriba do escritorio, cos cales facía debuxos milimetricamente idénticos aos que destacaban, por algún motivo que nin el entendía, nos seus libros. Logrou esquivalos cun manotazo sobre el, evitando a desfeita, e tentando agarralo comezou a dar botes entre as palmas das mans e o chan, enganchándose X a ese movemento que nunca quixera sentir antes, co engadido de que non había ollos que o observasen na súa patosidade por falta de práctica. Dende aquela comezou a saír co balón a todas partes, necesitábao preto, pero sen compartilo con outros nenos. Tiña medo, quizais de que se pinchase ou de que outros fixesen del a saber o que... non o sabía, pero non permitía que ninguén máis o tocase, que el levaría máis coidado.

Y trasladouse a A, á vila de X. Y era unha nena alegre, despreocupada, unha nena feliz pero algo asustada polos cambios que se aveciñaban. Era sociable máis tiña medo das novas circunstancias. Dende a chegada ao colexio fixouse en X, non entendía por que ía co balón entre as mans a diario se nunca xogaba, de porqué non desfrutaba coma o resto e marchaba directo á biblioteca ou pra súa casa. Ela lía cómics, máis nada, porén quizais lle atraía que fose tan diferente e, nalgún aspecto que non identificaba, sentíase próxima el. Vía algo que os unía e os separaba ao mesmo tempo, pode que fosen os puntos de vista tan disímiles da nenez.

Co tempo foron coincidindo até facerse amigos. X traía o balón cando quedaba con Y, máis dicía que non podían usalo, que rompería. Ela, coas súas trasnadas, ía logrando que se soltase un pouco. Facíao rir e ver o mundo con outros ollos até que chegou o intre en que se relaxou deixando ir o balón das súas mans pra tentar xogar. Y, coa emoción, deulle unha patada tan grande que o esférico desapareceu entre as árbores do parque. Cando o atoparon, estaba pinchado. Ela convencíao de que tiña arranxo, que non se preocupase, que cando se xoga pasan esas cousas e, neste caso, foran demasiado rápido as consecuencias. X, enfadado e triste por non ser o que era antes de deixalo á súa mercede, marchou pra casa. Y sabía que fixera mal, pero que fora sen querer, quería amosarlle que non pasaría nada, sen logralo, que as cousas teñen arranxo e que se non desfrutas da infancia, ¿de que serve levar un balón se non pensas utilizalo? X seguiu cos seus medos a romper balóns e Y, culpable de entender a vida doutro xeito (como nena que era), comezou a ler pra poñerse na súa pel, para acabar entendendo que o escrito non serve de nada se non se experimenta, que a teoría é teoría e que hai cousas que dependen de un. O que non arrisca a compartir, non perde amizades, pero ningunha ten.


12/07/2012

Vivimos nun mundo... e outras redundancias.

Vivimos nun mundo cheo de falsidade e hipocrisía pra satisfacer os propios intereses, vivimos nun mundo no que esiximos o que nós non temos aos demais pra finxir non ser os propios culpables dos nosos feitos, vivimos nun mundo no que falamos demasiado e actuamos pouco, vivimos nun mundo de aparencias externas cheas de vacíos internos, vivimos nun mundo onde se impón a crítica ao descoñecido, vivimos nun mundo falto de amor traducido en racionalidade do propio ego, vivimos nun mundo no que a defensa do xusto é un ataque peor que o asasinato, vivimos nun mundo cargado de silencios que ocultan mil verdades, vivimos nun mundo no que seguimos durmidos e bailando ao son dos encantadores de serpes, vivimos nun mundo... en fin... que erguerse tan negativa consegue que desenterre a machada e comece a cortar cabezas, máis así demostraría que estou no mundo que me merezo.

Xa o dicía Ghandi: "Convértete no cambio que queres ver no mundo"


09/07/2012

Camiño do propio paraíso

As pinceladas tiñan moi bo xeito, as cores combinaban harmoniosamente cheas de matices que resaltaban o seu conxunto, a paisaxe transmitía paz e boas vibracións, as gaivotas voaban felices na busca de peixes dos que alimentarse sobre un mar calmo e cristalino reflectindo o azul do ceo nun día soleado do mes de xuño. Porén, para ela, estaba posuído de ondas agresivas converténdoo en revolto, escuro, sucio... entre tornados de auga que o ceo enviaba cabreado sen ser consciente do porqué, ademais das supostas gaivotas que ela confundía con corvos, aves negras e voraces onde máis que axudar no proceso do equilibrio da natureza, semellaban ameazas invadíndoa sen piedade. Vivía aferrada á catástrofe sen saber o que realmente representaba cada elemento que posuía.

Sentíase un produto sen valía, así llo fixeran crer dende que fora creada e así o recreaba nese espectáculo falso e dantesco. Os artistas, esixentes e inmersos na ignorancia da súa capacidade, comparaban entre lamentos a súa obra: "Non estou contento, é como outro cadro calquera, aquel ten o que o meu non..." e así nun sen fin de menosprezos. E así era ela, o reflexo do seu entorno, crendo que non merecía máis que estar colgada dentro de calquera antro cheo de graxa opacando, máis se cabe, quen era na realidade e, por ende, dándolle a oportunidade ao outros "artistas" a quitarlle o seu valor auténtico.

Un día apareceu un mercader de arte, deses únicos que vén máis aló do evidente, o trasfondo que outros son incapaces decidindo facerse coa obra. Aos poucos tentou devolverlle a tranquilidade que lle faltaba, a valía que outros pousaran nela erradamente. Pasaron os anos e o mar, o ceo, a area, etc. ían recobrando a cor natural, as gaivotas xa non eran bechos malvados, a restauración do orde ía en desenvolvemento, máis decatouse de que lle quedaba un longo recorrido entre obstáculos pra chegar ao final do seu camiño, que el xa non podía facer máis nada e con toda a dor do seu corazón deixouna ir. Sabía que tiña que ser así.

No fondo do lenzo, ao lonxe, sobre a auga, adornaba unha illa fermosa. No traxecto cara a ese paraíso resaltaban en zig zag pedras con obxectos e seres que non puidera discernir antes entre o rebumbio do maxín, as fases que tería que ir pasando pra chegar a onde quería sen saber con exactitude se era aí a onde debería ir. Episodios nos que decidiría se nadar ou buscar outro método de transporte, máis o primeiro paso fora amainar o caos que tiña enriba pra poder ver as sereas, as estrelas de mar, o vehículo acuático que facilitase a pasaxe, os delfíns... cada un cunha aprendizaxe e unha valiosa axuda. Tamén atoparía ogros, porén todo formaba parte da evolución cara ao verdadeiro destino.

E así, continuou a busca, de pedra en pedra, topando con eses seres e obxectos, cada un cunha mensaxe, decatándose de que a vida non é fácil, pero con outro cristal co que véla. Que o primordial é desfacerse das pantasmas, do mal aprendido de si mesma pra poder seguir avanzando, cara esa illa paradisíaca do seu interior. E aí vai, pasiño a pasiño. Quen non saiba valorala, ela agora xa sabe que non debe afectarlle endexamais, porque aprendeu a lección e espera superar todas e cada unha das probas pra chegar a onde quere.




Ladróns de sorrisos

Parece que sempre teño a culpa, iso parece. O meu horroroso papel de culpable do cal non sei como desfacerme (¿non me sinto o suficentemente boa?, ¿por que?, ¿e por que me castigo?) transcende tan ben que os demais nunca teñen a culpa de nada, son eu a que a caga continuamente. Vou xa un pouco farta de que as cousas que acontecen perdan o equilibrio cando os outros non o teñen tampouco e esixen o que eles non teñen por moito que os disfracen con palabras axeitadas. Din o que pensan, pero nunca actúan en consecuencia, non o fan. É moi cómodo dicir máis non actuar coa lóxica e rematar cun: xa cho dixen dende o principio. Os ladróns de sorrisos aparecen, pero non pra que saques o teu, senón pra roubarcho e deixarte sen el. Fóra victimismos, máis non se pode actuar con contradicións, está mal. Ou é branco ou é negro, en certos asuntos o gris dá a suposicións, a medos, a cabreos e efectivamente a erros que poden ser difíciles de reparar. Non sei se estou anoxada porque me tomen por "tonta", porén sei que iso camufla a miña profunda tristeza. Por favor, se non traedes sorrisos deixádeme o meu posto, ese que tan ben me queda. Non, se a culpa ao final si que é miña por non obedecer ao que escoito perdéndome nos actos incoherentes. En fin...



"Empezaron los problemas, se enganchó a la pena se aferró a la soledad. Ya no mira las estrellas, mira sus ojeras cansadas de pelear. Olvidándose de todo, busca de algún modo de encontrar su libertad. El cerrojo que le aprieta le pone cadenas, y nunca descansa en paz. Y tu dignidad se ha quedado esperando a que vuelva. Que nadie calle tu verdad. Que nadie te ahogue el corazón. Que nadie te haga más llorar hundiéndote en silencio. Que nadie te obligue a morir cortando tus alas al volar. Que vuelvan tus ganas de vivir. En el túnel del espanto todo se hace largo ¿Cuándo se iluminara? Amarrado a su destino va sin ser testigo de tu lento caminar. Tienen hambre sus latidos, pero son sumisos y suenan a su compás. La alegría traicionera le cierra la puerta, o se sienta en su sofá. Y tu dignidad se ha quedado esperando a que vuelva. Que nadie calle tu verdad. Que nadie te ahogue el corazón. Que nadie te haga mas llorar hundiéndote en silencio. Que nadie te obligue a morir cortando tus alas al volar. Que vuelvan tus ganas de vivir."

08/07/2012

Entre soños e pistas


Outra vez veñen a min. Xa me pasou máis veces e aínda que me chamen friki (tamén mo chamo eu autovacilándome e xa din que do xeito que te tratas, trátante os demais) aí están os sinais que preciso, xustiño cando os preciso. Poden ir dende lecturas, persoas, viaxes, etc. Dá igual, o caso é que veñen pra axudarme a entender moitos porqués que non dou entendido. Pode que me porte ás veces coma unha cría, esa que silenciei durante anos estancada e desorientada que non sabía cara a onde tirar nin que facer, totalmente perdida. E tamén pode que moita xente non me entenda en absoluto, e non é de extrañar, pois nin eu o fago algunhas veces a pesares do camiño recorrido, máis o tesón continúa estando aí pra mudar o que precise. E todo me leva ao mesmo, á nena interior que sigue loitando por sobrevivir, buscando sanar as feridas abertas, esas que por falta de gnose fan que me desangre, que morra por momentos caendo na apatía, falta de ilusión, tristeza, ira, nostalxia...

A soidade tamén é dura algunhas veces, un sentimento de abandono que medra cando o ego me cega sabendo que estou no camiño correcto, que é o que preciso pra medrar sen perder a esencia de quen son realmente. O poder está dentro miña, non dependo nin do cariño de ninguén, nin de agradar pra sentirme aceptada, e menos a base de expectativas externas, non funciona así. A todos nos gusta formar parte de algo, que nos queiran, nos mimen, nos entendan... e non é que nos guste, é porque o recoñecemento exterior fainos ser, aínda que sexa por medio de etiquetas que nos colocan enriba os que nos rodean. Xa me cansei, soa a ego, necesítoo a pesares do sufrimento, soa a vontade e esforzo por evolucionar. Queda un largo e duro traxecto, máis síntome masoca, ¿non me perderei moitas das cousas boas da vida nesta busca? Agardo que a recompensa veña, a paz e harmonía que todos buscamos non chegue demasiado tarde.

O soño desta semana repetiu medos pasados, espertei asustada. O meu subconsciente avisándome de que algo regresaba, que aínda me quedan batallas por ganar. "Soñei que tiña medo, eu pensaba que boa parte do traxecto fora recorrido, que estaba case libre de demos e resulta que seguían estando aí, o que máis temía regresaba ou quizais nunca marchara de todo porque os demais víano sempre e eu deixara de percibilo até o momento (un ente maligno que sempre me quere posuír e se ri dos meus esforzos en van). Andaba enganada e decatábame. Quixen pedir axuda por unha vez, recurrir a quen todos recurrimos nalgún momento das nosas vidas, quen sempre está pase o que pase e nunca falla: a mamá. Máis por non preocupala non quería facelo e, entre dúbidas de que facer e a piques de falar con ela, comecei a ver sinais que me orientaban. Xente descoñecida tamén me ía dando as pistas necesarias, sen pedirme nada a cambio, axudándome a ver o camiño a seguir pra poder facelo soíña, librándome de todo mal."

01/07/2012

Om mani padme hum

Ando flasheada con esta canción, co mantra Om mani padme hum que significa "Oh, xoia no loto" traducido do sánscrito. Faime sentir ben, de feito levo varias horas escoitándoo sen cansarme en absoluto, reláxame até o infinito. E mentres o escoito, milleiros de pensamentos pasan a toda velocidade por esta cabeciña tola que precisa aínda moita disciplina e ten moito que aprender en tódolos eidos. Tamén me decato de que algo si está mudando en min, é un proceso raro e cheo de altibaixos que me mergullan un pouco no pasado, de como cheguei aquí e co medo ao futuro, máis como se soltase pouco a pouco vellos patróns de conduta, chegando a tomar consciencia dos meus erros até agora e como podo tentar modificar con total aceptación as miñas sombras (algo que todos temos), son humana, imperfecta por natureza. Situacións e persoas van chegando, outras marchando, máis deixando unha valiosa aprendizaxe pra sentirme mellor comigo e cos que me rodean. Pois sigo, no "aquí e agora" do que tanto falan os budistas dando paso á nova muller que si vai sabendo o que quere, e rexeitando o que non lle aporte nada. Vou subir o volume, pois o fútbol e o ruído na rúa desconcéntranme, nin que o mundo mellorase grazas a un balón, en fin... non vou xulgar, cada un é feliz como pode.