28/05/2010

Bad romance - Lady Gaga

Encántame esta muller, porque aparte dunha voz impresionante ten un estilo propio dá igual que sexa por marketing, hai que ter valor.

28/04/2010

Garras afiadas

Onte chocoume algo que me dixo H, non sei se sería polo cansanzo que a súa cara denotaba, que dándolle o bico de boas noites... Si, xa sei que pode ser atípico despois de tantos anos, ou non, pero algo moi noso é, sobre todo, o que me dá el de Bos días, pois maiormente ás seis da mañá aínda estou nas mans de Morfeo. Bueno, ao que ía, que isto de irme polas ramas dáseme moi ben, demasiados pensamentos acelerados neste cerebriño que non dá tempo a organizalos. E sigo polas ramas... Pois nada, que me dixo: "Ti non es mala aínda que queiras". A verdade é que me fixo cavilar sobre o asunto sen chegar a ningunha parte nun camiño con demasiados cruces. Cal é a fina liña que separa o ben do mal? Como diferenciar entre autoestima e egoísmo? Será que son demasiado servicial ou sumisa ás veces por que me nace ser así? Ou significa que busco que me aprecien? Nin idea, nembargantes o que máis me pasaba polos miolos é que realmente non sei quen son, quizais, ou que pode cambiar de mil maneiras a forma en que os outros nos ven dependendo das súas vivencias, formas de pensar e sentir. Ao mellor a outr@s resúltolle repelente por isa seguridade que sempre aparentei, nunca me gustou dar lástima aínda que necesite a berros que me boten un cable. Orgullo? Non, pido axuda ao meu círculo de máis confianza, así que orgullo non pode ser. E a outra xente parézolle do máis riquiña e agradable, e por último lugar están os baleir@s que envexan ou critican sen ningún motivo especial.

Nunha especie de viaxe astral, diríame: Foder, que tía máis... non sei, aparento tanta perfección que ata me caio mal a min mesma. Ríome, pero a realidade é outra. Se a imaxe que creo que teño é esa... puffff, ou hai un puntiño na sá autoestima que falla.

Cos anos esas perspectivas van mudando, madurando e dándome conta que teño sacado o lado escuro cando non debía sacalo e cando tocaba defender a miña dignidade... Procurar ser boa (signifique o que signifique a palabriña en cuestión) non implica que te pisoteen, infravaloren, etc. Sempre tentarei dar o mellor de min mesma, as garras xa están afiadas por se acaso...





12/03/2010

Rinite e outros males

Esta tempada ando un pouco cansada de tanto esbirrar, é matemático: tódalas mañás e noites comezo unha serie de esbirros, picazón de ollos e nariz, bágoas, conxestión nasal, mocos... Nunca tal me pasara antes de volver á miña cidade despois de vivir uns aniños fóra, foi chegar e comezar esta rinite, segundo o médico: vasomotora. A min dáme que é alerxia á zona, ao final nada é como me esperaba. A miúdo digo que estou de broma, nembargantes, cada vez máis, penso que este xa non é o meu sitio. Parte do que non me gusta é observar como certa xente dá a sinxela impresión de que busca poder, non falo do económico, aínda que tamén vai no lote. Persoas empeñadas en escalar peldaños na suposta "jet set" da zona. Unha carreira frenética hacia a cúspide da aparencia, precisan darse e que lles dean a importancia dun famoso, dun ser excepcional, distinto ao resto. Están tan baleiros no seu interior que se con iso pensan que enchen a auto estima que lles falta... Danme pena, abonda. Onde queda a humildade? os verdadeiros ideais? o construtivo? Vivimos nun mundo que non chega con ser, hai que parecer. É patético. É como entrar nunha igrexa e ver malas caras, xente do máis retorcido buscando perdón cando non fan unha migalla por ser mellores. A hipocrisía está en tódolos lugares. Penso que aínda que o mundo estea tolo sempre hai alguén, eses seres especiais que aportan ese puntiño de luz que falta. Cada gran de area, por pequeniño que sexa, pode facer unha praia.

Por certo, teño que mercar o aceite de comiño negro que á parte de ser anticanceroso é un remedio natural perfecto para todo tipo de alerxias, xa que sube o sistema inmune. Disque o té Rooibos tamén vai ben, non o probei, a vitamina C e o sexo. Mellores antihistamínicos naturais, imposible.



05/03/2010

As famosas 3 cunchas

Nun post anterior fago referencia á película Demolition Man, na intriga que me producían as tres cunchas. Quen viu a película saberá que estaban no wc do futuro, e Silvester Stallone que proviña do pasado non tiña nin idea de porque no lugar do papel hixiénico había as 3 famosas cunchas. Remexendo polo Google, xa que antes de mencionalo non se me ocorrera buscar (en internet hai de todo, é unha marabilla), atopei que esa dúbida corroíanos a moitos. Pois iso, que o que busca encontra...

Non apto para xente escrupulosa!!!

Ah! E tamén hai grupos no Facebook, se ao final están en todas partes, nada existe ata que non te fixas. Xa me unín "Para os que sempre se preguntaron como se usan as tres cunchas".

02/03/2010

Xulia

Non fan falla palabras abonda con ver o vídeo. Que riquiña!!!

25/02/2010

Contacto sen contacto

Esta válvula de escape quedou totalmente no olvido. Outras ferramentas chegaron ás miñas mans, tal como o famoso Facebook ou o Tuenti, marabillosas ou infernais redes sociais nas que nos enteramos da vida de todos, o que pensan, o que sinten, aficcións, gustos... e un sinfín de cousas máis. Cales deles son de verdade amigos? Imposible sabelo. Outros nin coñecidos pero unidos por unha causa común, tal como a defensa da nosa lingua, por exemplo, tan actual nas nosas vidas grazas a certos personaxes que nos fan pór en pé de guerra.

E así andamos; facendo que o mundo xire, que avance grazas ás novas tecnoloxías. Amizades virtuais que desvirtúan o cara a cara, as relacións en persoa. Abonda con premer un botón, situarse diante da pantalla do noso computador para estar no día a día dos nosos coñecidos, familiares, amigos, inimigos... case a cada segundo, algo impensable noutros tempos.

Isto vaime recordando cada vez mais a peli de Stallone "Demolition Man" na que para facer o amor usaban uns aparellos colocados na cabeza, con forma de casco, creo, non me lembro moi ben. Nada de contacto físico. A ver a onde chegamos realmente. Bueno, así non hai que preocuparse nin polo alento, nin se estás ben depilada.

Atopei o vídeo en Youtube, así que aí vai. Acabo de recordar algo da peli e sigo coa intriga: como carallo se usaban as tres cunchas? Hahahahahahaha...