28/10/2008

Adiccións

Ultimamente apetéceme ver series de televisión bastante peculiares. No post anterior fago referencia ao Sr. Monk, un detective moi especial na súa forma de resolver casos e máis na forma de ser, coa súa lista enorme de fobias e un transtorno obsesivo-compulsivo. Cada vez que toca a alguén usa unha toalliña húmeda para limparse; obsesionado cos números redondos, os xérmenes, a limpeza, a orde, a perfección á súa maneira... Ata come os alimentos en platos separados porque non poden tocarse entre si (as patacas nun prato, os chícharos noutro, ...) e un infinito número de manías. En definitiva, todo un personaxe.

Esta semana colleu o turno Psych, un mozo chamado Shawn cunha capacidade de observación asombrosa que se fai pasar por vidente, axudándolle á policía nas investigacións, xunto co seu amigo da infancia Gus.

Recoñezo a miña adicción ás series de televisión en xeral, pero adoro as series con intriga, mellor con humor. Sempre me gustaron, dende nena. Recordo a Colombo, Mike Hammer, Remington Steele, Matt Houston, Se ha escrito un crimen, Luz de luna, Magnum... (Eu tiña que ter sido detective, entre outras moitas cousas). O bonito é que cada unha delas representa unha etapa distinta da vida, traendo moitas lembranzas.

*Aínda que, por unha hora + ou -, xa pasou o 27 de outubro: "H, felicidades e grazas por compartir estes 7 anos xuntos de serie-adictos".


Nenhum comentário: