05/01/2009

Queridos Reis Magos:

"Queridos Reis Magos:" Este comezo da carta dirixida a eses tres homiños tan distintos entre si, creo recordar que nunca a fixen. Non me inculcaron a crenza deles. Na nosa casa eran máis prácticos, como somos 4 irmáns, para non ter dúbidas errándose no regalo (supoño que sería por iso) iamos todos xuntos directamente á tenda e cada un elixía o que máis desexaba. E todos contentos. Unha forma distinta de ver o Nadal. Así tamén evitamos crer en tonterías, fantasías inexistentes. Bo ou contraproducente? Non sei ata que punto tanta realidade dende nena sería boa.

O ratiño Pérez, outra crenza que non tiven, para mín era a sorte de que miña nai ou meu pai me deixasen cartiños pola caída dun dente. Espertaba coa ilusión de que puxesen debaixo da almofada unha moeda de 25 ou 50 pesetas, polo seu grande tamaño. Xa daquela me gustaban as cousas grandes.

Será por estas cousas da infancia que a nena que levo dentro sae cada vez con máis frecuencia a medida que pasan os anos, reconciliarse con ela e deixala saír de vez en cando é o mellor que se pode facer: aceptarse a un mesmo. O primordial: ser tal cal se é, quererse e deixarse levar sen reproches, os máis duros son os que nós mesmos nos dicimos.

A nena que levo dentro vai facer hoxe unha carta, non espero recibir nada, máis de ilusións tamén se vive.


Queridos Reis Magos:

Dádeme o segredo da lonxevidade, pasen os anos que pasen sempre estades aí repartindo regaliños cada noite do 6 de xaneiro. Este ano non fun moi boa pero tampouco tan mala. A maldade é algo que non se me pega nada. Din que teño moi bo corazón, mentiras!!! A ver se me traes outro que este sempre anda con palpitacións. Ademais quero unhas cervicais novas que o fisioterapeuta, o pobriño, non dá abasto comigo. Tamén quero forza e sentido común para seguir adiante este ano que pasarei soa a partir de marzo, cando H marche para Afganistán (e que el volte enteiro). O mellor de todo sería que se acabasen as malditas guerras e matanzas en todo o mundo, cada vez que miro e telexornal, a prensa, etc... só vexo conflictos, destrucción... Facede o que poidades. Saudiños.

Ála, a meniña xa escribeu a carta, agora toca voltar a ser adulta. Ogallá as cousas boas durasen sempre.


Nenhum comentário: