05/04/2009

Luz no túnel da vida

Cando nada se ten, nada aparece para mudar a situación, nembargantes cando hai algo no noso horizonte aparecen demasiadas actividades ás cales facer fronte, converténdose cada día nunha nova batalla que librar tentando gañar a guerra: a guerra interna da vida, dos obxectivos, da realización... Digo todo esto por experiencia propia, pois ultimamente non teño tempo nin para "cagar" (uso metáforas moi escatolóxicas, que lle imos facer se prefiro ser eu mesma, tal cal, aínda que as palabras usadas non sexan as máis axeitadas). Gústame o tempo libre para facer "un pouquiño bastante" o que me peta: ler, reflexionar, H e máis eu disfrutando da nosa compaña, (aínda que estemos en silencio) cando se está con alguén especial a súa proximidade abonda, alguén que cando te mira xa te entende, e viceversa.

Síntome estrañamente libre, nunha fase evolutiva do propio ser. A paz irrompe paseniñamente moi adentro, liberando os demos que matan o bo que habita en nós. Os camiños que se toman erradamente, tarde ou cedo, hai que desviarse deles e ser consciente de que a verdade e o correcto nos conducirán a onde realmente desexamos ir. Nunca seremos perfectos, pois ata as máquinas fallan, máis a honestidade con nós e co mundo axudaranos a non morrer por dentro lentamente e autodestruirnos. Esa é a esencia.

Se non me equivoco, estou na data da volta a Ribeira. 2 aniños, nada máis e nada menos.


Nenhum comentário: