14/12/2011

Imposible de saber...

O bus corría diante miña sen deterse, non había ninguén máis na parada, agás unha servidora que tiña que estar dende fai cinco minutos agardando nese punto pra collelo. Non fixen nada, nin un aceno coa man, nin unha intención de correr pra ver se o pillaba, só un berro seco sen son que quedou a medias entra as cordas vogais e o aire preciso pra que se ouvise. E véndoo fuxir na súa dirección de cada hora, máis ou menos exacta, desapareceu diante dos meus ollos. Freei máis o paso e entre a incertidume do que tiña que ter feito e o que acabara ocorrendo fíxome cavilar en outros aspectos da vida que ocorren por non estar no momento exacto e no lugar exacto en que teñen que xurdir. Facemos realmente todo o posible en certas ocasións pra que se dean as circunstancias que queremos? E se non o facemos, en canto pode mudar a nosa situación? Quizais deixei de toparme con esa rapaza coa que comezar unha conversa dentro dese medio de transporte que nos faga amigas, ou que a espera ao seguinte me faga coñecer a outras persoas diferentes que me aporten nada ou algo novo e interesante... por que se rexe o destino dese xeito? Somos os culpables ou son casualidades sen control? E aí comezou o curso de preguntas que nunca terán resposta, porque hai cousas que ocorren inclusive pola minimez de botar uns minutos máis na ducha ou de desfrutar o almorzo con tranquilidade sen que se quede de pé e bailando no estómago. Pensamos que o temos todo medido e non é así. Todo e todos os que acaban aparecendo nas nosas vidas dependen das nosas accións e sen lugar a dúbidas do incontrolable de cada situación. Sigo pensando neses libriños que lera cando nena no colexio das monxas da miña terra, libros que variaban segundo o camiño que escolleses a seguir segundo as opcións que che ofrecían. Que tería sido por segundos insignificantes e tan trascendentes? Aí queda...


A historia de "non xulgar"

Tiña as tapas dun vermello rechamante destacando con forza sobre o resto. A elegancia das letras en dourado e de grande tamaño chamaban aínda máis a miña atención entre outros libros escuros, sobrios e tan sosos que nada significaban nese intre pra min, aínda que de seguro o contido fose totalmente diferente ao que aparentaban. Non o pensei nin un segundo e fun cara a el. Desprendía maxia, dábame medo botarlle a man e moito máis abrilo, porén a curiosidade era superior. Comecei polo medio sen saber porqué, pode que a inercia me fixese abrir de par en par o que tiña entre as mans, como se tivese un corazón que saltase á vista desvelando a súa esencia... O pouco que lin plantexábame dúbidas inmensas. Por que a protagonista estaba nese lugar, por que actuaba como o facía, quen era ela para dicirlle iso e dese xeito a outros personaxes que semellaban tan indefensos???... Pasei para a folla en branco do comezo, onde aínda a historia non existe, só o nome do título, autor e neste caso nin dedicatoria posuía. Tiña tanta intriga que quería ver o prezo pra mercalo e comezar a lelo na tranquilidade do meu sofá, como cando se fan ben as cousas, pola páxina número un e no lugar axeitado. Asombreime, desta vez, pola desorbitada cantidade que puña no lateral dereito escrito con lápiz, por moi boa caligrafía en que estivesen impresos os números. A dependenta non estaba detrás do mostrador, e a miña pregunta do porqué era tan caro tiña que esperar outro pouco, polo que decidín ir á parte inicial, onde todo comezaba. Quedei máis perplexa aínda, esta era a mesma protagonista que descubrira minutos antes no medio da súa historia? Non tiña sentido, era do máis doce, soñadora e feliz... que pasaba pra que xusto o que lera antes me amosara todo o contrario?

Parei de ler, alguén me interrumpiu cun "podo axudarlle en algo?" E aí espertei... entre o suave das sabas e o quentiño das mantas. Todo un soño. Que me quería dicir todo isto? Sabíao de sobra e supoño que vós tamén. A vida dá moitas voltas e nunca ninguén é tan bo, nin tan malo como parece. As vivencias fannos actuar dun xeito ou outro... En definitiva, deixemos de xulgar.


13/12/2011

Esperando o tempo enxoito...

Escorrégame pola caluga ata o medio das costas, atravésame o corazón partíndoo en dous ou máis cachos imposibles de compoñer; estrúllame os pulmóns impedíndome tomar case aire, forma apertados nós no estómago deixando pouco sitio para a fame, éncheme a mente de néboa, dificultando os pensamentos... as pernas móvense trémulas, febles e insensibles, nembargantes avanzan. O meu corpo despide tristeza apoiada no baleiro del cheo de síntomas incontrolables... e de tódolos xeitos, continúo. Ollo o meu redor máis escuro do normal, non logro diferenciar os días das noites, pero sigo... Conteño o diluvio dos meus ollos, e doume présa, preciso chegar a esa casa que me agarda, e, tras deixar a porta atrás sen ninguén máis ca min, busco desesperadamente a arca que Noé comezou a construír cando saín pola mañá cedo. Necesito que estea lista, preparada pra subirme e así, a resgardo, deixar que flúa a dor que sinto. Cando a tempestade remata, dure o que dure, agardo impaciente outro novo día, chea de esperanza. Pode que dita arca, refeita novamente, me espere no mesmo lugar pra salvarme e continuar navegando, ou no feliz caso, que non a precise porque o tempo enxoito se fixo unha esperada realidade.





11/12/2011

Retos

A seguridade que queremos sempre está na nosa cabeciña, pero o mundo xira e xira empuxándonos a etapas que hai que superar. Cando non facemos iso, estancámonos, quedamos inmóbiles no mesmo lugar. Podemos atoparnos en encrucilladas onde malas noites de sono dándolle voltas non nos benefician de ningún modo, pois aparece unha solución por moito que desbrucemos partes do noso cerebro sen xeito ningún que o único que consegue é afectarnos á saúde. O que está de ser, vai ser (tendo en conta a nosa predisposición), e o que non, imposible de deter. Xa o di unha frase que lin un día: "Se loitas contra a corrente, acabarás afogándote". Non sei se era así exactamente, o que si sei é que hai elementos que escapan ao noso control, tendo que adaptarnos e sobrevivir. Deixémonos arrastrar de vez en cando, sabendo que tomaremos terra en algún momento e todo volverá á normalidade, ata que outro "rápido" nos pille, máis xa saberemos como reaccionar.


Será a imaxinación... será o que queiramos que sexa

Hoxe pola tarde, acelerada por chegar puntual a unha cita, algo me fixo frear en seco. Ao saír do portal do edificio os meus ollos quedaron fixos no chan. Será a desbordante imaxinación que teño, será o azar de sen sentidos que se forman por causas descoñecidas, máis pra min era unha pista, un agasallo quizais sen máis significado que o que eu lle quixen dar. Como xa falei nunha entrada deste blog días atrás titulada "Detalliños", a vida sitúa milleiros de orixinais maneiras de alegrarnos a alma. Nesa especie de pulseira, ou conxunto de fíos dalgunha peza de roupa eu vexo un corazón. Dame igual ser unha soñadora e que pense a xente que estou coma unha cabuxiña tola. Fíxome feliz e tiven que sacarlle unha foto co móbil, non sei se pra compartilo con vós ou pra recordarme cando o precise que "todo pasa por algo". Pero aí estaba, un fermoso corazón rosa.