17/03/2014

Cando o alumno está preparado...

Encántame ler. Podo ser moi dispersa en canto a lecturas se refire mais, como por azar, adoito a ir dar ao que xusto preciso. Para algo din que o que busca, atopa. Cando isto ocorre, unha bombilla ben grande acéndeseme imaxinariamente no alto da cachola. É liberador o aumento da comprensión de unha mesma e dos outros. E o que queda, pois nunca deixamos de aprender, desaprender, volver a aprender.

Non sei en que momento me convertín nunha exploradora de emocións e comportamentos humanos, nese interese que me leva a analizar palabras e actos (propios e alleos), só sei que me tería que remontar moi atrás, pois un dato curioso é que sendo unha cativiña (tería entre 6 ou 7 anos) o primeiro libro que merquei foi un libro de interpretación dos soños. A partires de aí outros semellantes foron chegando ás miñas mans, e continúo dende aquela. Falo de libros, porén tamén recoñezo que houbo persoas que foron aparecendo para darme respostas. Xente coas mesmas inquedanzas e cunha sabedoría superior á miña consciencia nesas etapas do meu traxecto: "Cando o alumno está preparado, aparece o mestre".

Non todo o mundo comparte esta forma de ser que teño, tampouco queren saber nada. Porén respecto a evolución de cada quen, pois non hai nada máis desgastante que tentar que te comprendan se non están preparados para elo. Cada un ao seu ritmo. Nembargantes para min é unha bendición. Que siga a aprendizaxe, me colla preparada e teña unha boa fin.

Nenhum comentário: