12/11/2012

Máis que soños, películas oníricas

Estaba nunha igrexa, lógobre e futurista. Iso parecía. Todos vestiamos de negro, até eu, sen saber que facía alí, situada de pé na entrada da mesma namentres a maioría ficaban sentados en bancos de madeira escuros. Esperaban por alguén con impaciencia. Sabíao polo xeito de ollaren unha portiña lateral do interior salvagardada por uns matóns musculosos.

Dentro do templo adornaban uns bechos xigantes. Dous dragóns metálicos de cor dourada, un na parte de diante e outro na de atrás. Chamaban a atención vivamente entre tanta escuridade, ademais de polo tamaño exaxerado, pola cor rechamante.

O murmurio dos crentes convertiuse en silencio absoluto ao abrirse a porta ante a cal estaban espectantes. Dela saíu un home de aparencia xoven, pel branquísima e unha melena azibache por riba dos ombreiros. Tamén vestía de negro. Dirixiuse con lentitude cara o altar, á altura duns dos dragóns. E, unha vez situado, saudou a todos para dar comezo ao seu discurso. Todo o que dicía dirixíao cara a min en vez de á xente que tiña diante. Todos semellaban hipnotizados. Non se movían nin un milímetro mentres eu me puña máis e máis nerviosa con cada palabra. Comezou a describirme, a contar anécdotas da miña infancia que só eu podía coñecer. Non cabía dúbida, falaba de min enfitándome entre a multitude cun riso noxento e coa maldade reflectida nos ollos.

Sen saber porqué, nunha especie de flash, souben que os dagróns formaban parte dun feitizo e que tiña pensado enfrontalos o un contra o outro activando un botón que agochaban baixo as ás. Era como se me espertase un tipo de videncia, pois tamén sentía a alma dos bechos, outra vez sen saber o como nin o porqué: un era miña nai, o da parte de atrás, e o que estaba preto del era outro ser querido (que agora non lembro quen).

Comecei a sentir rabia. Chantaxeábame para que me pasase ao seu bando. Eu non sabía o motivo de incitarme a tal decisión. De súpeto, moi anoxada, lancei coas mans unha bola de enerxía branca e brillante tentando evitar que os activase. Sorprendida polo meu poder estraño e mentalizada en salvar aos meus, aproveitei o momento, corrín cara o dragón que tiña máis preto e, premendo un botón que puña "reset", conseguín desprogramalo. Sabía o que facer en cada intre, era desconcertante o que sentía e vía.

O predicador, ao ver a miña fazaña, ergueuse pra ir cara o dragón do seu lado, a tentar activalo ou quizais destruílo. El era moi forte, recuperárase axiña do meu ataque.

Entre tantas emocións devastadoras produciuse outra especie de milagre: nas miñas mans apareceu unha espada grande e aí decateime do que medrara a miña forza outra vez. Fun cara a el cunha rapidez tamén descoñecida antes en min e, procurando evitar que conseguise o seu obxectivo, comecei a despedazalo pillándoo desprevido. Notaba a súa maldade que me enfurecía poñéndome máis agresiva. Unha vez crin que xa estaba morto, parei de cortar. A súa cabeza non deixaba de sorrir e soltar altas gargalladas pese a estar sen vida. A xente seguía sen moverse. A miña ira marchara, máis a pena seguía en min pois non sabía como devolver a miña nai de dentro dese becho xigante e metálico.

Nese instante... outro flash. Vía máis seres malignos descendentes deste predicador. Descoñecía a orixe das visións, de tantas e novas capacidades. Vía mozos e mozas con aparencia externa atractiva e posuidores dun carisma sen igual, todos mesturados entre xente de ben. Non sabía con exactitude se gañara a primeira batalla, porén tiña claro que a guerra acababa de comezar.

Nenhum comentário: