29/06/2008

Evolución

Estiven relendo o pouquiño que tiña escrito, pois xa nin me lembraba deste buraquiño virtual. Recordoumo esta semana o meu irmán Carlos. Debería voltar e empezar de cero, pero non, os meus sentimentos pasados son parte de min. Non me extraña que a ansiedade e os ataques de pánico me invadisen, pois a muller negativísima que habitaba no meu ser tiña que rebentar nalgún momento.

Estes meses pasados sen deixar señas por aquí, foron dunha ampla evolución persoal, así quero pensalo, e creo que si o foi. Nunca paramos de evolucionar, eso é o bo. Abrirse máis ao mundo, deixar de ser un animal solitario ennegrecido polo peso da civilización. A familia e os amigos son agora parte moi importante da miña vida, xa non me encerro en min, procuro liberar toda a enerxía que antaño me gardaba, sen oficio nin beneficio. Máis algo esencial é quererse a un mesmo primeiro, para despois poder querer aos demais. Se non nos axudamos a nós mesmos, non podemos estar en condicións de axudar.

O medo a ser danada, acabou por danarme. A cuncha que supostamente me protexía, non a preciso e agora pasiño a paso, volto a renacer. Como se empezase a descubrir todas e cada unha das pequenas cousas, que son as que nos dan a verdadeira felicidade. E así voume atopando a min mesma, a verdadeira muller que son e que me gustaría ser. Estou contenta, a loita do día a día cada vez é máis doada. A xente que me quere é algo fundamental neste proceso, un proceso que tarde ou cedo todos pasamos, dunha maneira ou de outra. Sempre mirar cara adiante, e se voltamos atrás, ao pasado, que sexa só para coller impulso.

Cada vez creo máis no poder da mente. A mente domínao todo, todo, todo. Recibimos o que damos. Así que...

Todo o que engado, non o penso moito, escríboo e punto. Non vai ser un best-seller, nin nada semellante. Son ideas aleatorias que compoñen o meu sentir e en fin... todo o que son.

Grazas Carlos por recordarme que siga.

Nenhum comentário: