27/09/2008

Apariencias

Din que "a primeira impresión é a que queda", ou que "comemos polos ollos" (non fago referencia a temas gastronómicos, neste caso). Cando coñecemos a alguén non podemos saber de inmediato as súas virtudes, os seus defectos, se nos cae ben ou non. Ás veces quizais pareza que si, por intuición, ou porque xulgamos tan rapidamente que non damos a oportunidade de mudar de opinión. A apariencia física prima maiormente sobre tódalas cousas, ou, tal vez, unha personalidade carismática que nos engancha sen saber a causa (moitas veces inducida pola adulación, psicoloxía pura e dura, pois saben dicir o que queremos oír sen que se note, xente cuxas dotes interpretativas superan ou igualan ao mellor actor/actriz).

Para desenguedellar a simple-complicada esencia humana estiven lendo un documento que fala dos xestos, da linguaxe corporal. Supoñer (digo supoñer, pois cando alguén raña no nariz, por exemplo, ao mellor tan só significa que lle pica) que pensan, que sinten, e, en fin... multitudes de estados de ánimo. Non é un estudio sociolóxico, simplemente é un xeito de entender/me cada día un pouco máis.

Sigo nesta busca existencialista. A intelixencia é a que nos move, a que nos impulsa a querer saber, intentar redescubrir quen somos, que facemos, a onde imos, en resume... ¡que carallo pintamos neste planeta azul!


NON TODO É SEMPRE O QUE PARECE


Nenhum comentário: