21/01/2009

A terapia da kk

Moitos pensamentos, nada que contar. Levo xa uns cantos días encerrada, a gripe pilloume con forza, polo menos agora xa respiro aínda que os senos para-nasais doen coa falta de drenaxe de tanta conxestión. Despois de tantos meses evitando tomar azucre (por moitas causas, a máis importante é o subidón seguido do baixón que dá, afectando física e animicamente) e estando maliña non teño máis que antollo de chocolate quentiño con "croissants". Deixar o vicio de fumar para caer noutro (onte fixen 2 meses sen tabaco e levo aforrados 300 euros, díxomo o quitómetro). Ter tanto tempo para pensar non é nada bo, barallo e barallo sen chegar a ningunha conclusión específica de nada, só sirve para comer o tarro e acabar tomando máis aspirinas. Estiven lendo libriños dos meus, empecei varios á vez: Masajes y reflexoterapia, Mente creativa e Gimnasia cerebral, teño pendente o de Feng Shui. H di que parezo "La Hierbas" da serie "Aquí no hay quien viva" con tanta terapia alternativa. Cada un é como é, ou como quere ser, mellor dito.

Tamén remexín, coma de cotío, por internet, lendo as novas do día, as actualizacións de blogues... para seguidamente escaquearme de páxina en páxina ata atopar artigos rariños que acaban enganchándome. Fun dar a un remedio un tanto curioso para a ira (hai veces que fago como en Ally McBeal, na imaxinación recreo accións que non podo, nin quero, facer na realidade por motivos obvios). Resulta que, para librarse do rancor, odio, vinganza, etc... cada vez que vaias ao wc a expulsar os residuos tóxicos, fluídos ou sólidos, do corpo (senón estouparíamos), penses que tamén eliminas eses estados emocionais tan autodestructivos. Sensacións que envelenan a alma e anubran a mente impedindo a paz mental. Hai de todo: "Lance sempre encontrou a súa motivación na ira e no rancor. E debo dicir que si gañar é agradable, non hai nada máis pracenteiro que facelo cando todo o mundo quere que perdas", dixo o director deportivo do ciclista estadounidense Lance Armstrong.

Pois nada, a poñer en práctica eso de eliminar sentimentos negativos cada día!!!

*Falando de Ally McBeal, paréceme divertido voltar a ver o baile mítico da serie coa canción de Barry White: You're the first, the last, my everything.


Nenhum comentário: