28/01/2009

Chove porque canto

O sábado pasado comezamos o Taller de Voz na miña zona. Estaba desexando ferventemente asistir, pois pagamos un prezo moi económico sen desprazarnos a grande distancia como ocorría antes se pensabas estudar algo parecido. Lástima a súa curta duración, nembargantes paga a pena asistir. No fondo teño ganas de volver a cantar, non sei se o farei algún día, a ver por onde me leva a vida. Todo isto debémosllo á Escola Alboio grazas ás protestas feitas diante do concello pedindo locais de ensaio. Ogallá máis xente tivese iniciativas desta índole para que todo o mundo, teña a idade que teña, acceda con facilidade a todo tipo de cursos. Hoxe estiven vendo o que tiña grabado co móbil antes de que fundise a tarxeta de sonido para analizar os erros e así cando remate o curso, ver se hai un antes e un despois. Necesito moita técnica, doume conta cada vez que me escoito, tempo ao tempo. Ía poñer un vídeo pero morro de vergoña ao escoitalo. Amosa a voz sen trampa nin cartón cun sonido pésimo (parece desafinado). Para que sonase xenial tería que estar nun estudio de grabación e non na miña casa cun móbil cutre que distorsiona. Outro día será... Agardo que a choiva e o temporal non sexan culpa miña.

Nenhum comentário: