14/02/2009

Corazonciños

Non sei porque me negaba a recoñecer, fai anos, o meu puntiño romántico. A parte fría capricorniana de min agardo pouco a pouco a que se afunda ata facela desaparecer, non quero ser capitán que se deixe ir co barco á zona máis escura e profunda ata o límite dificultando o rescate, cada vez máis quero ofrecer ao mundo o lado tenro e cariñoso que quizais tiña vergoña ou medo de amosar. Agora grito aos catro ventos, correndo risco de que me tachen de "cursi", que merco artigos con forma de corazón. O último, se non recordo mal, un marcador de páxinas metálico la mar de curriño cun pequeno corazón vermello no seu extremo superior, idéntico ao da imaxe.

Antes coleccionaba chisqueiros, pero como xa non fumo aparquei esa colección, quizais empece cos corazonciños, H botaríame da casa se se ve rodeado de tanto corazón, xa abonda unha Ágata Ruíz de la Prada. Terá que asumir a súa parte da culpa: debe facer sobre uns 11 anos cando no Entroido , coincidindo co 14 de febreiro, quitoulle á "caravana do amor" despois do desfile o corazón grande de cartón cuberto cun tecido vermello para regalarmo ás escondidas. Hai persoas que saben sacar o mellor de nós, esas son as que nos interesan.

FELIZ DÍA DOS NAMORADOS!!!





Um comentário:

Carlos Callón disse...

Ah! Mira de onde veu ese corazón inmenso! xDDDDD

Coñecías a Paquita la del Barrio? Vai moito co teu estilo musical, hehehehe.

Bicos!