08/01/2012

Brillar na escuridade

Disque estou de aniversario. Tal día coma hoxe fai 25 anos + 10 que vin a este mundo, cadrou en sábado e foi sobre as 10 da mañá. Así que sendo as horas que son aínda non medrei un ano máis, pouco queda. Falando o outro día coa miña nai recordoume que sempre fun cativiña, con 15 días de vida unha neumonía das gordas case me leva e que pasei as mil e unha enfermidades xuntas ata os dous anos. Nacín con pouco peso e a pesares de ser feble saín adiante e aquí estou dando guerra. Quizais nos meus adentros seguín crendo que aquela meniña débil continúa en min. A vida é moi estraña e fainos dar mil e unha voltas, portas que se pechan ante nós que nos fan quedar inmóbiles agardando que volvan a abrir. Esquecemos que hai fiestras, ou tal vez outras portas que xa están abertas. E agora aquí estou, soa e tentando controlar a tristeza porque o que esperaba que ía ser deixou de selo. Agradezo cada un dos parabéns que me ofrecen, uns máis sentidos, outros por cortesía, pero esta meniña atrapada nun corpo de muller ten moito que volver a xogar. A reservada e fría que era deixou paso a outra que exterioriza tanto os sentimentos que lle dá igual o que poidan pensar. A apariencia é algo que ben pouco me importa, iso digo agora, canto cambiei. Non quero lástima, nin falsedade. A parte boa é que dentro da escuridade hai un pequeno puntiño de luz que me fai camiñar, quizais son eu, que por fortuna nunca me deixarei apagar por moito que os vendavais azouten. Serei coma esas veas máxicas de aniversario que por moito que sopren, continúan acesas.

Ou senón mercarei lencería desta...



Nenhum comentário: