29/12/2011

Con e sen...

Con amor o mundo é máxico, imaxinativo, alegre, soñador, fantástico e un sen fin de adxectivos positivos. Sen el: drástico, triste, amargo, baleiro, sen futuro... Por que precisamos ser parte de alguén? Por que non nos abonda co que somos por nós mesmos? Acaso somos o reflexo de como os demais nos vén? E así continúan os interrogantes. Cando crecemos desvinculámonos de afectos familiares, precisamos sentir a liberdade como algo que nos pertence por lei. Porén se estamos un tempo sen eles acostumámonos e comezamos a descubrir aos poucos quen somos. Se, pola contra, enganchamos un vínculo con outro a dependencia afectiva consúmenos converténdonos en seres incapaces sen afectos visibles. Tamén é certo que nos sentimos parte do que nos rodea porque alguén está aí, alguén que nos ve, nos sinte e nos percibe. Sen os demais non existimos porque eles forman parte do que somos en toda a esencia do noso ser, incluíndo todos e cada un dos adxectivos que nos definen.

Tiven un Wilson fai anos atrás, unha estreliña amarela e grande cun enorme sorriso adornado na súa face de tea a modo de coxín. Púxenlle ese nome pola película de Tom Hanks, "O náufrago". Recordo a súa soidade, o falar só e actuar de xeito triste e tolo por non ter ninguén con quen compartir nada nesa illa deserta abandoado ás mans de... non sei quen (diría Deus, máis non creo na súa existencia). No seu caso, o compañeiro era unha pelota de voleibol (creo recordar), poñéndolle ese nome por ser o impreso con letras da marca rexistrada.

Non estamos sós no mundo, aínda que ás veces así o pareza. Aillámonos por decepcións, medos, frustracións e outras fobias que pensamos que ninguén poida entender. O que si teño claro é que quen me queira será polo que son, non polo que poida aparentar. E aí xa estou aillándome de novo... máis sigo soñando con quen me queira tal e como son (e eu corresponda, claro, aínda que soe egoísta) , cos meus defectos e virtudes, senón non sería eu mesma, sería de todo menos humana. Máis tamén sei que hai silencios, excusas e "non presencias" que o din todo. Seguirei sendo unha náufraga.




Nenhum comentário: