02/12/2011

Lóstregos da verdade

Esperando ao sol deixo de admirar a lúa e menos as lindas estrelas que tan ben a adornan ao seu redor, deixo de buscar formas orixinais nas nubes, de saborear o doce da choiva, de sentir a frescura do vento na face... Sei que estou viva porque respiro, pero non son consciente de que o fago ata que me falta o aire. Quixera saber porque sigo agardando esperta entre soños, ansiando metas, logros, situacións... deixando de ver o que de verdade importa (do que sempre falo, como tentando que se me pegue ben na cachola, sen conseguilo, por iso me repito tanto): esas pequeniñas cousas que nos agasalla o día a día, onde a cegueira do imposible non me deixa ver o realizable, o que xa está aquí, agora.

Non sei como cheguei ate este punto da miña curta existencia onde a falsa seguridade foise derrubando pouquiño a pouco. O futuro que ía ser, ese que anticipaba na miña cabeza, esvaeceuse. Esa imaxe prefrabicada do oasis ao que me conducía tal camiño amosou o espellismo, a irrealidade. E agora todo recomeza, dende cero, onde vulnerabilidade e forza se mesturan bipolarmente, onde medo e valentía se enfrontan, onde só hai unha única persoa que me salve, eu mesma. En flashes recordo vivencias do pasado que en certas etapas non entendía, redescubrindo motivos que me fixeron converterme en quen agora son, e deixando á vista o moito que me falta por aprender. Hai ciclos necesarios ou obrigados que non se deben eludir, muros que por moi altos ou baixos que estean, debemos coller impulso e saltalos, pasar ao outro lado. Pechar os ollos non soluciona nada así que tento reconducirme, unha vez máis, porque preciso volver a nacer. Cantas veces terei que pasar polo mesmo ou parecido? Síntome perdida, de novo, en conflicto continuo cada certo tempo que se empeña en darme unha boa labazada. A mesma pedra sitúase diante miña repetidamente, tantos erros cometín nesta ou noutra vida que teño que reparar como sexa? Desta é máis duro, toca pelexarme comigo, sen axuda. Recórdame á carta do tarot de Marsella, A Torre, significando que nin as estruturas físicas nin emocionais "que creamos" son estables, que se poden desmoronar de forma repentina, co que se inician cambios que desexamos evitar. Que debemos desprendernos de vellas crenzas, de valores que non teñen razón de ser, de relacións ou esperanzas que xa non son de proveito, de formas de vida antigas... Que o non asumir o inevitable fai que xurdan elementos negativos que nos impiden, a nós e quen nos rodea, avanzar. En resumo, un caos actual para que ao final a orde lóxica e o equilibrio se impoñan. Vivir nunha continua mentira deriva en catástrofe, o lóstrego da verdade será devastador. Eu din o primeiro paso, e ti? Ata onde estás dispost@ a chegar? Que sexa o que o universo e máis eu coas miñas decisións queiramos.




Nenhum comentário: