19/12/2011

O botón "gústame"

Hoxe non sei de que falar, quizais ao longo do día se dixeron tantas palabras que chega o punto en que non saen máis, quedando en stand by. Recoñézome lareta, por momentos, máis adoro eses instantes de soidade en que me quedo unicamente comigo mesma, en paz do barullo que enche as rúas e todo o que me rodea. O que me fai graza é que sempre hai algo que soltar aínda que o son se esgotase, a nosa mente non ten paranza. Os pensamentos flúen, aparecendo ideas nesta inqueda testa: penso nesas situacións en que te atopas cun amigo ou amiga que fai tempo que non ves dando lugar a frases que se agolpan unhas enriba das outras, pisándonos mutuamente as verbas por ter tantas cousas atrasadas sen contar. Pola contra, tamén penso neses silencios cómodos de complicidade con alguén con quen non necesitas expresar nada, que te sente con só mirarte; en escoitar a alguén que precisa soltar lastre e ollar que co simple feito de asentir ou dicir monosílabos queda agradecido por saber que existe unha orella amistosa que procura entender e comprender, dándolle marxe pra aliviar as súas penas; en certos xestos graciosos que te fan desencaixar a mandíbula de tanto rir; nos sorrisos que te alegran o día; nas miradas pícaras que te encenden; nas apertas que te animan... Non sempre se precisan palabras, ao igual que no Facebook, con darlle ao botón "gústame" moitas veces é máis que suficiente.




Nenhum comentário: