02/08/2012

Remando

No primeiro intre de saír da perruquería pensei: ¿que fixen? Ás veces aínda me custa recoñecerme ao pasar por diante do meu reflexo e penso: ¿quen é esa? Parece mentira o que pode facer un cambio de look tan simple como aclarar a cor do cabelo. Sempre que algo muda en min (ou quero que mude) fago un cambio no aspecto exterior, unha simbiose entre o interno e o externo, recordándome os porqués ao verme. 

Hoxe ando incubando unha gripe ou algo semellante e a mente acompaña ao corpo nese estado doente. Rebélase dicíndome que vai custar, que o esforzo ten que ser moi grande pra ver os resultados e protesta á súa maneira, enfermando. Xa din que somos mente, corpo e espírito. Tamén me pregunto cal é o sentido de tanta introspección, ¿a onde me leva? Hai días en que apetece abandonarse, de fuxir dos pensamentos cunha longa carreira enfundada en roupa deportiva, meditación ou unha boa charla coa xente que me coñece ben facéndome sentir que todo o que acontece paga a pena, que a vida di "espera un pouquiño máis". Os que parecía que estaban e non están pode que teñan os seus propios conflictos e non poidan reaccionar, máis como me dixo H: os amigos estamos pra iso, sempre, pase o que pase. Quen non están "non lle busques explicacións nin desculpas, esquéceos". A verdade é que pode que teña razón, pois eu podo estar "fodida" máis sempre disposta cando alguén que quero me necesita. En fin, que dá igual que sexas bonita, fea; alta, baixa; intelixente, aparvada; triste, alegre; toxo, amorosa... quen te quere, enténdete e está ao teu lado aínda que sexa mediante a tecnoloxía cando hai distancia por medio. A vida sen apoios sería imposible, non somos náufragos perdidos nunha illa deserta. Non sempre fago ben as cousas, porén sei de sobra que intento aprender dos erros e mudar xeitos destrutivos de vivir e, tamén sei, que si hai quen te ve máis aló do que as palabras din, que ve quen es realmente. Non sempre o que acontece é culpa de unha malia que así o crea. Náufraga, segue remando!!!

Hoxe saqueime fotos, ¿pra recordar o que dixen antes?




Nenhum comentário: