04/12/2011

Cantas capas contén unha cebola?

Hoxe é domingo, e que pouco me gustan dende non recordo cando. Non sei ben o/a causante, tería que trasladarme moi atrás no pasado para atopar a raíz do desencontro inicial, e por moito que remexese está aí a "pantasma" (termo psicanalítico), un tupido veo que oculta con xenialidade dentro do inconsciente traumas sen resolver, que nos acompañan na nosa forma de actuar, dos que non somos capaces a liberarnos sen axuda, onde nos contestamos coa imaxinación, do que pode ou cremos que somos, tapando razóns reais, capa tras capa da cebola, uhas máis finas e outras máis grosas, totalmente cubrentes, difíciles de desprender unha a unha facendo invisible o seu interior.

Autoenganámonos ata desistirmos de ir máis aló, máis sempre volta o boomerang golpeándonos con máis forza cada vez. Explicacións que se ramifican dende o talo dos pensamentos profundos, que dispoñen eclépticas solucións a tantas inquedanzas sendo a de hoxe estes fatídicos domingos. Desvíome un pouco e acho que me pasa o mesmo con cada día da semana, dá igual que sexa luns, mércores, venres... agudizándose máis ao chegar a súa fin. Moitas xornadas que se alongan deica altas horas da madrugada, amarrándome con forza a elas, tal que se o durmir fose morrer pra volver a resucitar ao día seguinte, que nada será igual. Que me aterra? A que me aferro? E aquí volven as preguntas sen resposta...




03/12/2011

Altibaixos

Observo o que me rodea, calo, agardo, suspiro, reacciono... a "montaña rusa" sube e baixa sen piedade. Faime meditar no porqué me subín a ela se sabía o que me agardaba. Nuns momentos descúbrome pletórica, capaz do que me propoña; noutros máis abaixo do que os meus pés pisan, incapaz de nada. E entre altibaixos sigo tirando do meu ser pra diante. É igual que cando saio a correr, zancadas que deixan atrás centos de problemas, loitando porque as miñas pernas resistan, cando sei de sobra que dan moito máis de si e que o que falla é a mente que pide un "basta por hoxe". Confío, quero confiar, en que o que me depara o futuro é agradable, que a recompensa chegará, que preciso calma e aguante sen virme abaixo, que tras a tormenta, por moi dura que sexa, sae don Lourenzo, o arco da vella, a claridade...

Sempre que escribo neste blog saco as tristezas, o que realmente non son, a autocompaixón, a esperanza, etc. e doume conta de que non é o meu reflexo. Non son así, e ódiome por remexer no lixo máis fedorento, repetíndome tanto que apesta. Máis isto é como unha terapia, un xeito de escorrentar o que non serve. Tentarei a partir de agora, se digo "tentarei" xa a estou cagando, sacar o mellor que teño, porque sei que o teño. E como lin un día, o sorriso hai que amosarllo ao mundo, aínda que por dentro as infinitas bágoas nos inunden, porque as costumes facémolas nós, e sen querelo aprópianse enteiramente dos nosos corpos. Un sorriso ben amplo, porque nada está perdido, hai moito por facer. Quero crer que son ese punto de luz, como os demais me ven, unha estreliña que ofrece un pouco de harmonía ao ceo na escuridade, sen pararme a imaxinar se xa está morta ou non a milleiros anos luz.






02/12/2011

Lóstregos da verdade

Esperando ao sol deixo de admirar a lúa e menos as lindas estrelas que tan ben a adornan ao seu redor, deixo de buscar formas orixinais nas nubes, de saborear o doce da choiva, de sentir a frescura do vento na face... Sei que estou viva porque respiro, pero non son consciente de que o fago ata que me falta o aire. Quixera saber porque sigo agardando esperta entre soños, ansiando metas, logros, situacións... deixando de ver o que de verdade importa (do que sempre falo, como tentando que se me pegue ben na cachola, sen conseguilo, por iso me repito tanto): esas pequeniñas cousas que nos agasalla o día a día, onde a cegueira do imposible non me deixa ver o realizable, o que xa está aquí, agora.

Non sei como cheguei ate este punto da miña curta existencia onde a falsa seguridade foise derrubando pouquiño a pouco. O futuro que ía ser, ese que anticipaba na miña cabeza, esvaeceuse. Esa imaxe prefrabicada do oasis ao que me conducía tal camiño amosou o espellismo, a irrealidade. E agora todo recomeza, dende cero, onde vulnerabilidade e forza se mesturan bipolarmente, onde medo e valentía se enfrontan, onde só hai unha única persoa que me salve, eu mesma. En flashes recordo vivencias do pasado que en certas etapas non entendía, redescubrindo motivos que me fixeron converterme en quen agora son, e deixando á vista o moito que me falta por aprender. Hai ciclos necesarios ou obrigados que non se deben eludir, muros que por moi altos ou baixos que estean, debemos coller impulso e saltalos, pasar ao outro lado. Pechar os ollos non soluciona nada así que tento reconducirme, unha vez máis, porque preciso volver a nacer. Cantas veces terei que pasar polo mesmo ou parecido? Síntome perdida, de novo, en conflicto continuo cada certo tempo que se empeña en darme unha boa labazada. A mesma pedra sitúase diante miña repetidamente, tantos erros cometín nesta ou noutra vida que teño que reparar como sexa? Desta é máis duro, toca pelexarme comigo, sen axuda. Recórdame á carta do tarot de Marsella, A Torre, significando que nin as estruturas físicas nin emocionais "que creamos" son estables, que se poden desmoronar de forma repentina, co que se inician cambios que desexamos evitar. Que debemos desprendernos de vellas crenzas, de valores que non teñen razón de ser, de relacións ou esperanzas que xa non son de proveito, de formas de vida antigas... Que o non asumir o inevitable fai que xurdan elementos negativos que nos impiden, a nós e quen nos rodea, avanzar. En resumo, un caos actual para que ao final a orde lóxica e o equilibrio se impoñan. Vivir nunha continua mentira deriva en catástrofe, o lóstrego da verdade será devastador. Eu din o primeiro paso, e ti? Ata onde estás dispost@ a chegar? Que sexa o que o universo e máis eu coas miñas decisións queiramos.




30/06/2011

Modern family

E aquí estou de novo, máis de un ano despois do último post. Sinceramente, parece que foi onte cando din de lado este chisme unha vez máis. A constancia... nunca foi o meu. Son unha muller dispersa, un cu de mal asento que non pode facer unha cousa repetidas veces sen que acabe aburrida e con ganas de dirixirme a algo diferente. O outro día tiven marathon da serie Modern Family na que falaban máis ou menos diso. E sentinme totalmente identificada. A serie, moi divertida, non ten perda.

28/05/2010

Bad romance - Lady Gaga

Encántame esta muller, porque aparte dunha voz impresionante ten un estilo propio dá igual que sexa por marketing, hai que ter valor.