O destino está escrito, oímos moitas veces. Parece mentira que así sexa, máis non de todo. Hai situacións que parecen inevitables nas nosas vidas, mudan segundo as nosas eleccións. Éche coma esos libros, que recordo na biblioteca do colexio das monxas cando era unha nena, que tiñan un desenlace distinto segundo escollésemos as páxinas a seguir da aventura que estivesemos lendo. Era moi divertido e, sen sabelo, educativo, facíanos responsable dun final ou doutro. Cando medras daste conta, que si, sabemos que o camiño que seguimos varía dependendo do que escollamos facer, hai moitos desvíos, encrucilladas, por intres, calexóns aparentemente sen saída, máis si a teñen, pese a non saber vela no seu momento. Todo ten solución, agás a morte.
É inevitable pensar... que pasaría se houbese feito outra cousa naquel momento? como estaría hoxe? como sería? viviría noutro lugar? tería xente diferente ao meu carón? Preguntas sen resposta. Lástima que non teñamos un libriño deses, como os da miña infancia, coa nosa propia vida. Sería trampa, seino... pero sentiríamonos tan aliviados cando sufrimos ou nos perdemos.
*Tomando outro camiño levo case 7 días libre de nicotina, procurarei apartarme de todo o que non me convén. Conseguireino? Eso xa o decidirá o destino.
Nenhum comentário:
Postar um comentário