29/06/2012

Desenguedellando fíos

A meirande parte das veces deixamos nacer e medrar esperanzas infundadas que distan moito de converterse en verdadeiras. Creamos ideais que nos conveñen e nos converten en escravos do ficticio a causa das falacias dos nosos pensamentos. Aprendéronnos dende nenos a crer en contos de fadas, quedámonos con películas que acaban ben e tantas outras e diferentes vías de auto-engano obviando a chea de patrañas que se mergullan na cachola. Se non espertamos a tempo do soño permanecemos ancorados a un mundo utópico, envoltos nuns ideais cargados de anhelos que se adapten a nós (de xeito egocéntrico) alcanzando a confusión máxima cando o guión planificado dentro do subconsciente é tan diferente ao que acaba ocorrendo ao final. Dá a impresión de que nada se adapta ao que cremos necesitar pra sentirnos ben, felices... cando temos que ser nós os adaptados ás circunstancias e aproveitar eses pequenos intres tan fermosos que deixamos de percibir por esperar o que dita o maxín. Sentímonos defraudados, como se fose posible que os demais tivesen a capacidade de ler a mente pra saber en cada momento como nos gustaría que actuasen para con nós, que nos entendan e comprendan sen necesidade de explicarnos: "Se cho digo xa non é unha sorpresa e non me fará ilusión", esa frase que todos nalgún momento da vida pensamos ou dixemos porque alguén non chegou a entender esa parte soñadora que pedía a berros dende dentro ser escoitada e xamais pronunciada en voz alta.
E a bola de la medra e medra mesturando cores até deixar de diferenciarse entre si dentro da madeixa. Enguedellámonos formando un lío que semella imposible de desfacer, até que chega o día en que dás o valente paso e decides enfrontarte a ti mesmo (pra quen chega, pois hai xente que se conforma coa inercia da vida) pra ir sacando pouco a pouco cada fío, pequenas boliñas ordenadas e clasificadas de cada recuncho de quen es realmente, e o que podes chegar a ser ou non con total aceptación propia e de outros. E aí chegan eses intres de longas análises e introspeccións pra comezar a tecer, cal Penélope. Parece que nunca remata o labor, máis con miúdas tarefas imos abríndonos correctamente a crúa realidade.

Nenhum comentário: