16/06/2012

Sempre un mesmo

Detrás de cada indecisión hai un "non"; detrás de cada traba, unha aprendizaxe; detrás de cada temor, unha mala experiencia; detrás de cada frustración, un pouco de ego; detrás de cada ollar, unha verdade; detrás de cada palabra dos demais, os nosos pensamentos; detrás de cada feito, sentimentos...

Defínennos os nosos actos, escondémonos tralas palabras ou silencios, ofertamos o que queremos ante outros con medo a descubrirnos, pois cando se fai córrese o risco de levar unha boa labazada onde a estima que cremos ter se vén abaixo. Quero ser sempre eu mesma, pese a todo, aínda que o resultado non sexa favorable ou o esperado, ou iso non o vexa até que o correr do tempo faga que me decate de que iso non era o que tiña que suceder. Os cambios sófrense, as expectativas caen, as ilusións esvaecen, máis todo é temporal. Con aguante e confianza na túa propia valía o universo equilibra o que ha de ser, deixando atrás o que non nos está destinado.

Quen te queira vai estar nas boas e nas malas, buscando o diálogo e a comprensión pra avanzar; quen non, verá problemas por todos lados. Desexo que a viaxe neste camiño chamado vida sexa pra obter o que cada un necesita, encontrar o sentido de estarmos aquí. Boa evolución!!!

Nenhum comentário: