15/10/2009

Sen temas: o tempo

Miña nai querida!!! Que blog tan esquecido. Ou non teño que contar ou vaciei tantas ideas, posts atrás, desta cabeciña que o corpo continúa un traxecto coa inercia da última vez. Tamén porque o verán é a mellor época do ano pra min, tal que tivese placas solares na caluga que me fan estar feliz e escapista destas catro paredes, supoño que igual que o resto dos humanos quitando casos raros (sen ofender). O resto do ano xa non hai muller. Así que neste novo e aínda que calorosísimo outono retorno ao currunchiño virtual no que desfogar ou falar do tempo, tema habitual cando non apetece, ou non hai que dicir.

O que me parece é que esta vida é coma un "yo-yó", alonxámonos de certas cousas en espazos de tempo determinados para volvermos como parviños desorientados, porque precisamos o cotiá, o coñecido, formando parte de nós mesmos. Os cambios, para ben ou para mal, implican medos e costumes aferradas das que non queremos, ou pensamos que non podemos desprendernos. Pois iso, todo cambio conleva un caos frenético e desconcertante onde ao final si que nos fai evolucionar e sentirnos orgullosos. Este non é o caso aínda. Así que:

Voltarei aínda que sexa aburrindo co mesmo tema: chove, fai sol, vento.

04/06/2009

O síndrome de Peter Pan

Encántame a psicoloxía, estou subscrita a unha páxina web que expón información deste tipo. Cada certo tempo envíanme artigos, ao meu entender: moi valiosos e interesantes. Se nos esmerásemos en ser mellores e saber o que nos pasa e o que lle pasa ao que temos en fronte, a comunicación entre os seres humanos fluiría e faríamos deste, un mundo mellor. Un dos artigos fala sobre un síndrome: "O SÍNDROME DE PETER PAN". Por desgraza, coñezo algúns casos.

O síndrome de Peter Pan

Trátase de persoas que aínda que alcanzaron a idade adulta, viven coma adolescentes, están rodeados de amigos menores que eles, son incapaces de afrontar as responsabilidades e son inmaduros emocionalmente. “Este síndrome pode aparecer en mulleres e homes, pero o 99% dos casos, son varóns os que sofren esta patoloxía da cal non é nada fácil recuperarse", segundo comentan algúns psicólogos. A situación complícase moito máis cando estes varóns atopan unha parella que os sostén, apaña e encárgase de xustificar tódolos actos. “O síndrome de Wendy, pola contra, é máis habitual en mulleres que son as "neneiras" das súas parellas e que son incapaces de recoñecer as actitudes enfermizas e infantís da súa parella".

Como recoñecer o síndrome de Peter Pan: Non saben estar sós, sempre están rodeados por xente máis moza, non se responsabilizan dos seus actos, son seres permanentemente insatisfeitos, poden vivir cos seus pais ou con unha parella que conteña os seus actos, teñen ideas sobre grandes proxectos e aventuras amorosas que nunca se cumpren, soen queixarse e culpar ao resto do mundo dos seus problemas (esperan sempre que alguén llos solucione), góstalle estar sempre contentos e sempre están buscando maneiras de divertirse e evadirse da realidade, cambian continuamente de parella, en xeral sempre se conectan con mulleres máis novas.

Máis rasgos da súa personalidade: Rebeldes, narcisistas, dependentes, néganse a envellecer, manipuladores...

Como axudar a un home co síndrome de Peter Pan: Por máis difícil que resulte non se deben satisfacer as súas necesidades. Hai que lograr que afronte as súas responsabilidades; Non hai que propoñerlle solucións cando comenta os seus problemas, hai que incentivalo a que atope as propias solucións, levándoas a cabo; a esta clase de persoa moléstalle moito que lles marquen o erro ou defectos que ten, sendo necesario facelo para que se conciencie de que non é o centro do mundo e que cada persoa debe asumir a súa propia vida.


Todo o que acabo de poñer do artigo é moi, moi interesante. Canto queda neste mundiño por aprender. Pasiño a pasiño...


26/05/2009

Sei quen non quero ser

Etapa renovadora e purificante que me fixo ver, unha vez máis, que non sei quen son, pero si sei quen non quero ser. E non hai mellor satisfacción no mundo que enmendar os erros cometidos, borrar as manchas que se pegan á alma cal chicle masticado e pisoteado. A extracción resulta sempre difícil: pode saír enteiro deixando marcas nas que o tempo é o encargado de aclarar, olvidándonos de que un día estivo aí; ou saír cachiño a cachiño, facendo a súa desaparición máis lenta e con dor, pero eficaz igualmente. O importante é a liberación que se sinte ao final, a paz que queda na conciencia e no ser.

Levo un tempiño sen escribir, tanta ocupación desocupouse esperada ou inesperadamente. Recordei que "tódolos parvos teñen sorte", eso é o que me aprenderon fai moitos anos na escola da vida, nembargantes agora conseguín ver que é unha frase total e absolutamente baleira de contido, ademais de reflexar autocompaixón sumerxida nun victimismo esaxerado: desculpando que case nunca pasa o que queremos no intre en que o queremos, a pesares dos esforzos... facéndonos sentir coma o meniño consentido que acaba dicindo: "agora xa non o quero", porque xa non presta coa mala ost... que se queda no corpo. Eu sigo coas miñas suposicións: todo ten un sentido, un orde lóxico, un aprendizaxe necesario, unha evolución psicolóxica... e, finalmente: un camiño que nos toca seguir a cada un de nós, aínda que non pareza xusto. Hai que aproveitar ata as desventuras ao noso favor, ese é o truco.


05/04/2009

Luz no túnel da vida

Cando nada se ten, nada aparece para mudar a situación, nembargantes cando hai algo no noso horizonte aparecen demasiadas actividades ás cales facer fronte, converténdose cada día nunha nova batalla que librar tentando gañar a guerra: a guerra interna da vida, dos obxectivos, da realización... Digo todo esto por experiencia propia, pois ultimamente non teño tempo nin para "cagar" (uso metáforas moi escatolóxicas, que lle imos facer se prefiro ser eu mesma, tal cal, aínda que as palabras usadas non sexan as máis axeitadas). Gústame o tempo libre para facer "un pouquiño bastante" o que me peta: ler, reflexionar, H e máis eu disfrutando da nosa compaña, (aínda que estemos en silencio) cando se está con alguén especial a súa proximidade abonda, alguén que cando te mira xa te entende, e viceversa.

Síntome estrañamente libre, nunha fase evolutiva do propio ser. A paz irrompe paseniñamente moi adentro, liberando os demos que matan o bo que habita en nós. Os camiños que se toman erradamente, tarde ou cedo, hai que desviarse deles e ser consciente de que a verdade e o correcto nos conducirán a onde realmente desexamos ir. Nunca seremos perfectos, pois ata as máquinas fallan, máis a honestidade con nós e co mundo axudaranos a non morrer por dentro lentamente e autodestruirnos. Esa é a esencia.

Se non me equivoco, estou na data da volta a Ribeira. 2 aniños, nada máis e nada menos.


10/03/2009

Amizade

Pasaron as eleccións do 1 de marzo. Os personaxes mudaron de situación, a reflexión dos cambios faise inevitable. Dentro do malo teño que dicir dun xeito positivista que, no fondo, xa estamos acostumados a loitar e pedir o que nós é noso. Cousas que pasan na democracia, porque iso é o bo, vivimos nunha democracia.

O mércores marchei para Cáceres, H tivo que solucionar uns asuntos laborais nesas terras, aproveitando eu para darlle unha sorpresa á miña amiga Marian. E foi así, unha grande sorpresa, non contaba coa miña presencia ese día. O tempo non chegou a moito, é o que teñen as viaxes relámpago (fíxose moi curta a estancia nese lugar e moi longa a viaxe no coche). Aproveitamos cada instante coas nosas conversas, temos un "feeling" fóra do común entre nós. O máis bonito é que as boas amizades nunca morren a pesares da distancia. Case estivemos de aniversario pois o ano pasado marchei desas terras un 7 de marzo do 2008 e a visita tivo lugar o 5 de marzo deste ano. A súa promesa de devolverme esa visita este verán sigue en pé, así o espero.

Hoxe celebro ese bo rollo, esa complicidade... e digo en voz alta: Vivan as bonitas amizades!!!

Cáceres
04.03.09