Cando temos algo non o queremos, rechazámolo e buscamos a saber o que... Que carallo queremos entón? O fácil non serve, o difícil buscámolo con paixón. O rotineiro mata, o especial non acaba de encher. Con todo iso, volvo a preguntarme unha e outra vez as mesmas cousas. É un nin contigo nin sen ti. Unha difícil busca, un extravío do verdadeiro camiño, do que temos diante dos fociños sen poder velo. E así, volvemos a comezar "once again". Somos seres estúpidos, cun cerebro cheo de merda que custa limpar, cunha vista borrosa que nos impide discernir do que está aquí e agora. E deste xeito, volveremos a tropezar. Cando sexa tarde o mundo xa terá dado tantas voltas que non haberá Superman que rodee a terra pra facernos retroceder no tempo. Pode que veñan os lamentos, os minutos vanse, non agardan por ninguén, pero así é a vida: arriscar pra gañar ou perder.
29/12/2011
22/12/2011
A tele apagada
Levo dende o mes de xuño sen acender a tele. Foi chegar o bo tempo a Catalunya pra facer o cambio da caixa "tonta" por ir ao Pantano de Sant Antoni, moito máis divertido e relaxante, onde se enlazaban tardes de piragua, pedaletas, piscina, lago, ximnasio e terraceo xunto con karaoke e amig@s ata a hora de durmir... A verdade é que estraño todo iso un pouco, a pesares de que o lugar era pequeniño de todo, con poucos habitantes e rodeado de montañas enormes da entrada do Pirineo. Busquei por Heidi un par de veces, pero paréceme que xa non vivía alí... (#toleríasdemar). Despois tocou Galiza no verán (vaia merda de verán, apenas fun 5 días á praia) e no sitio que estaba non había tele, así que xa non existía o problema de acendela ou non. Mes e medio despois de pisar terra galega tocou marchar a Toledo onde no piso de aluguer dun chalet dividido en apartamentos con piscina, e cunha conexión ultra rápida a internet non fixo necesario ver nada, agás o que descargaba da rede. Adoraba tamén saír a xogar partidos de frontenis, moito máis gratificante o deporte, onde vai parar!!!... Decátome que eses trebellos rectangulares son unha perda de tempo, invádenos a tele-lixo, programas de cotilleo horrorosos que nunca soportei cheos de retrasados mentais facendo de xornalistas e outros shows que dan noxo. Se me quero enterar do que pasa no mundo teño os xornais online, os de papel ou as redes socias onde hai xente que comparte todo tipo de información poñéndome un pouco ao día, diría que máis que na desinformación televisiva. E agora, en Galiza, xa é unha costume e non a boto de menos pra nada. Seguirei sen vela? A saber...
20/12/2011
Inexplicable
A lúa chea baixou pra converteme en loba, sentín tanto o seu poder aproximándose que os meus ollos reflexábana como se me posuíse. A friaxe do exterior xunto cos calafríos produto das súas extremidades puñan erectos un a un cada pelo do meu corpo, tanto que parecía como se houbese máis dos que me pertencen. A escuridade incitando aos meus instintos máis salvaxes, famenta de emocións e sangue aínda viva quentando o meu corpo ao ritmo de cada bocado. Deixada de cordura... escapando a todo control establecido. Libre e en harmonía coa natureza... Sentíndome coma unha besta sen razóns, perdida no seu corpo prendido en chamas cun fogo imposible de conter. Exhalación de lume infernalmente doce por cada poro emanado da súa pel mesturada coa miña, volcáns en erupción liberando lava de paixón. Lugares inóspitos convertidos en paraísos, desconexión da realidade, sen argumentos válidos que atendan a explicar cada movemento, cada suspiro, cada xemido... Mestura de almas, carne... liberación de desexos reprimidos.
19/12/2011
O botón "gústame"
Hoxe non sei de que falar, quizais ao longo do día se dixeron tantas palabras que chega o punto en que non saen máis, quedando en stand by. Recoñézome lareta, por momentos, máis adoro eses instantes de soidade en que me quedo unicamente comigo mesma, en paz do barullo que enche as rúas e todo o que me rodea. O que me fai graza é que sempre hai algo que soltar aínda que o son se esgotase, a nosa mente non ten paranza. Os pensamentos flúen, aparecendo ideas nesta inqueda testa: penso nesas situacións en que te atopas cun amigo ou amiga que fai tempo que non ves dando lugar a frases que se agolpan unhas enriba das outras, pisándonos mutuamente as verbas por ter tantas cousas atrasadas sen contar. Pola contra, tamén penso neses silencios cómodos de complicidade con alguén con quen non necesitas expresar nada, que te sente con só mirarte; en escoitar a alguén que precisa soltar lastre e ollar que co simple feito de asentir ou dicir monosílabos queda agradecido por saber que existe unha orella amistosa que procura entender e comprender, dándolle marxe pra aliviar as súas penas; en certos xestos graciosos que te fan desencaixar a mandíbula de tanto rir; nos sorrisos que te alegran o día; nas miradas pícaras que te encenden; nas apertas que te animan... Non sempre se precisan palabras, ao igual que no Facebook, con darlle ao botón "gústame" moitas veces é máis que suficiente.
Arrepentimentos
Remexendo no pasado dinme conta hoxe que non quero estar aquí, está todo tan revolto que boto de menos a muller que habitaba en min e o mundo que a rodeaba. Na busca do que cría carecer atopeime con que a incertidume é cada vez maior, porén necesitaba pasar certas fases. A bola de lá sigue medrando e medrando... e nin sequera merquei as agullas pra comezar a tecer. Teño a impresión de que non dou feito, que non avanzo, que ninguén me quere realmente e que a miña nena interior sentíase máis chea de vida, máis feliz noutrora. É ben certo que cremos que calquera tempo vivido foi mellor, e a angustia apodérase do meu corpo. O futuro é cada vez máis incerto, e nesta busca, pérdome cada día un pouco máis. Fíxanse obxectivos máis lonxanos, a inestabilidade crece, faltan os apoios, agrándase o baleiro... Como xa teño dito noutras entradas a este blog hai momentos de caos necesarios, que se fan eternos, pero que traen a calma despois. Quero ser diferente, estar mellor, sentirme querida, en fin... vivir sen arrepentirme do que fun e agora son.
Assinar:
Postagens (Atom)
