Disque estou de aniversario. Tal día coma hoxe fai 25 anos + 10 que vin a este mundo, cadrou en sábado e foi sobre as 10 da mañá. Así que sendo as horas que son aínda non medrei un ano máis, pouco queda. Falando o outro día coa miña nai recordoume que sempre fun cativiña, con 15 días de vida unha neumonía das gordas case me leva e que pasei as mil e unha enfermidades xuntas ata os dous anos. Nacín con pouco peso e a pesares de ser feble saín adiante e aquí estou dando guerra. Quizais nos meus adentros seguín crendo que aquela meniña débil continúa en min. A vida é moi estraña e fainos dar mil e unha voltas, portas que se pechan ante nós que nos fan quedar inmóbiles agardando que volvan a abrir. Esquecemos que hai fiestras, ou tal vez outras portas que xa están abertas. E agora aquí estou, soa e tentando controlar a tristeza porque o que esperaba que ía ser deixou de selo. Agradezo cada un dos parabéns que me ofrecen, uns máis sentidos, outros por cortesía, pero esta meniña atrapada nun corpo de muller ten moito que volver a xogar. A reservada e fría que era deixou paso a outra que exterioriza tanto os sentimentos que lle dá igual o que poidan pensar. A apariencia é algo que ben pouco me importa, iso digo agora, canto cambiei. Non quero lástima, nin falsedade. A parte boa é que dentro da escuridade hai un pequeno puntiño de luz que me fai camiñar, quizais son eu, que por fortuna nunca me deixarei apagar por moito que os vendavais azouten. Serei coma esas veas máxicas de aniversario que por moito que sopren, continúan acesas.
08/01/2012
29/12/2011
Con e sen...
Con amor o mundo é máxico, imaxinativo, alegre, soñador, fantástico e un sen fin de adxectivos positivos. Sen el: drástico, triste, amargo, baleiro, sen futuro... Por que precisamos ser parte de alguén? Por que non nos abonda co que somos por nós mesmos? Acaso somos o reflexo de como os demais nos vén? E así continúan os interrogantes. Cando crecemos desvinculámonos de afectos familiares, precisamos sentir a liberdade como algo que nos pertence por lei. Porén se estamos un tempo sen eles acostumámonos e comezamos a descubrir aos poucos quen somos. Se, pola contra, enganchamos un vínculo con outro a dependencia afectiva consúmenos converténdonos en seres incapaces sen afectos visibles. Tamén é certo que nos sentimos parte do que nos rodea porque alguén está aí, alguén que nos ve, nos sinte e nos percibe. Sen os demais non existimos porque eles forman parte do que somos en toda a esencia do noso ser, incluíndo todos e cada un dos adxectivos que nos definen.
Tiven un Wilson fai anos atrás, unha estreliña amarela e grande cun enorme sorriso adornado na súa face de tea a modo de coxín. Púxenlle ese nome pola película de Tom Hanks, "O náufrago". Recordo a súa soidade, o falar só e actuar de xeito triste e tolo por non ter ninguén con quen compartir nada nesa illa deserta abandoado ás mans de... non sei quen (diría Deus, máis non creo na súa existencia). No seu caso, o compañeiro era unha pelota de voleibol (creo recordar), poñéndolle ese nome por ser o impreso con letras da marca rexistrada.
Non estamos sós no mundo, aínda que ás veces así o pareza. Aillámonos por decepcións, medos, frustracións e outras fobias que pensamos que ninguén poida entender. O que si teño claro é que quen me queira será polo que son, non polo que poida aparentar. E aí xa estou aillándome de novo... máis sigo soñando con quen me queira tal e como son (e eu corresponda, claro, aínda que soe egoísta) , cos meus defectos e virtudes, senón non sería eu mesma, sería de todo menos humana. Máis tamén sei que hai silencios, excusas e "non presencias" que o din todo. Seguirei sendo unha náufraga.

Propósitos de ano novo = fume entre as mans
Nos últimos días de cada ano a balanza do vivido reaparece como por arte de maxia. Matinamos no que fixemos ao longo del, e sobre todo, no que deixamos por facer. E segundo pra onde se incline o seu peso, pra un lado ou outro, cargamos de replantexamentos o noso cerebriño de se realmente somos, vivimos ou sentimos como nos gustaría. Volven os "tiña que": facer máis deporte, comer de xeito máis saudable, deixar de fumar, ser máis positiv@, deixar de tratar con xente á que lle importamos unha merda, retomar hobbies, centrarnos máis no que verdadeiramente nos fai felices, etc., etc... Cantos propósitos de muda se perden no camiño á espera do momento oportuno, no fuxidizo dos segundos, minutos, horas, días, semanas e meses, pra baternos coa realidade no seu final, facéndose presentes nese intre de despedida e recordándonos o esforzo que supón tentar retomalos no seguinte ano que comeza. Tantos soños, ilusións que se esvaecen como fume entre os dedos das mans.
O cambio de ano non é máis que un número, o último de catro cifras que toca sumar por un máis. Tomámolo coma unha orixe, unha nova oportunidade, un comezar de cero... cando realmente cada día é único e non volve. Vou deixar os propósitos, desta non vou raiarme nin pedirme nada. Cada amencer pode ser o que estaba agardando pra mellorar.
E como comecei falando da "balanza" do vivido venme á cabeza esta canción que tanto me gusta de Rocío Dúrcal, pois leva dita palabra no título.
O cambio de ano non é máis que un número, o último de catro cifras que toca sumar por un máis. Tomámolo coma unha orixe, unha nova oportunidade, un comezar de cero... cando realmente cada día é único e non volve. Vou deixar os propósitos, desta non vou raiarme nin pedirme nada. Cada amencer pode ser o que estaba agardando pra mellorar.
E como comecei falando da "balanza" do vivido venme á cabeza esta canción que tanto me gusta de Rocío Dúrcal, pois leva dita palabra no título.
Que carallo queremos?
Cando temos algo non o queremos, rechazámolo e buscamos a saber o que... Que carallo queremos entón? O fácil non serve, o difícil buscámolo con paixón. O rotineiro mata, o especial non acaba de encher. Con todo iso, volvo a preguntarme unha e outra vez as mesmas cousas. É un nin contigo nin sen ti. Unha difícil busca, un extravío do verdadeiro camiño, do que temos diante dos fociños sen poder velo. E así, volvemos a comezar "once again". Somos seres estúpidos, cun cerebro cheo de merda que custa limpar, cunha vista borrosa que nos impide discernir do que está aquí e agora. E deste xeito, volveremos a tropezar. Cando sexa tarde o mundo xa terá dado tantas voltas que non haberá Superman que rodee a terra pra facernos retroceder no tempo. Pode que veñan os lamentos, os minutos vanse, non agardan por ninguén, pero así é a vida: arriscar pra gañar ou perder.
22/12/2011
A tele apagada
Levo dende o mes de xuño sen acender a tele. Foi chegar o bo tempo a Catalunya pra facer o cambio da caixa "tonta" por ir ao Pantano de Sant Antoni, moito máis divertido e relaxante, onde se enlazaban tardes de piragua, pedaletas, piscina, lago, ximnasio e terraceo xunto con karaoke e amig@s ata a hora de durmir... A verdade é que estraño todo iso un pouco, a pesares de que o lugar era pequeniño de todo, con poucos habitantes e rodeado de montañas enormes da entrada do Pirineo. Busquei por Heidi un par de veces, pero paréceme que xa non vivía alí... (#toleríasdemar). Despois tocou Galiza no verán (vaia merda de verán, apenas fun 5 días á praia) e no sitio que estaba non había tele, así que xa non existía o problema de acendela ou non. Mes e medio despois de pisar terra galega tocou marchar a Toledo onde no piso de aluguer dun chalet dividido en apartamentos con piscina, e cunha conexión ultra rápida a internet non fixo necesario ver nada, agás o que descargaba da rede. Adoraba tamén saír a xogar partidos de frontenis, moito máis gratificante o deporte, onde vai parar!!!... Decátome que eses trebellos rectangulares son unha perda de tempo, invádenos a tele-lixo, programas de cotilleo horrorosos que nunca soportei cheos de retrasados mentais facendo de xornalistas e outros shows que dan noxo. Se me quero enterar do que pasa no mundo teño os xornais online, os de papel ou as redes socias onde hai xente que comparte todo tipo de información poñéndome un pouco ao día, diría que máis que na desinformación televisiva. E agora, en Galiza, xa é unha costume e non a boto de menos pra nada. Seguirei sen vela? A saber...
Assinar:
Postagens (Atom)
