Mostrando postagens com marcador Carlos. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador Carlos. Mostrar todas as postagens

14/01/2009

55 días sen fumar

Despois de ver o Quitómetro que Carlos me recomendou visto no blog de Brétemas, engadino á miña computadora. Levaba a conta manualmente na mensaxe do chat do correo de gmail, xunto á ligazón deste blog: 55 días sen fumar. Agora tamén sei que son 1 mes 3 semanas e 4 días, 7 semanas, 1.334 horas, 80.051 minutos ou 4.803.120 segundos neste intre; que levo aforrados 204,30 euros e que non fumei neste tempo 1668 cigarros + ou -, eu diría que coas saídas de copas esa cifra aumentaría con creces.

Aproveitei un día que baixei a tomar unhas cañas, xunto cun inicio de gripe das boas e un empacho de tabaco, rematando feita pó, quitándome as ganas de fumar e de nada. Despois da gripe levábao mal, e como adoro a medicina natural botei man a internet buscando remedios para poder levar mellor o "mono". Beber moita auga é importante para axudar a depurar, mellor con limón exprimido. A lecitina de soia axuda a producir unha sustancia no fígado (niacina, creo) que deixamos de producir cando somos fumadores. E tomar infusións relaxantes para ansiedade, nada máis, bueno tamén compraba chupa-chups ou caramelos sen azucre para o costume de ter algo na man (din que o AZUCRE podería estar considerado coma unha droga pola adicción que crea e por máis motivos nocivos para a saúde: entre eles a eliminación do calcio do noso organismo, pero tampouco oín falar moi ben dos edulcorantes polo de que producen cancro, e despois tamén din que a fructosa engorda...) malia os efectos secundarios dos caramelos, xa o pon en letra pequeniña: "Un consumo excesivo pode ter efectos laxantes". Pois nada que aí vou, batalla a batalla co fin de gañar a guerra. Cada día que pasa é máis doado, xa me encarguei de comentarllo a todo o mundo, o orgullo tamén axuda para non volver a caer. ¿Paranoias ou non? Os fumadores míranche coma se saíses do clan das "chimeneas" (ha ha ha...), xa me considero "non fumadora", estou moi contenta con esta decisión.


09/01/2009

Indignación

Teño que recoñecer que este 8 de xaneiro do 2009 será un día a recordar por distintos motivos no meu entorno. Por unha parte por ser o día do meu aniversario, por outra polo nacemento da sobriña de H sobre as 15:00 horas mediante cesárea (unha bonequiña pequerrechiña) e a final do día recibo unha noticia desastrosa. A miña amiga Carmela, da Pobra, chámame en parte para felicitarme e por outra contarme o día de cans que leva a causa da queima do seu quiosco, o seu medio de vida reducido a cinzas a mans duns vándalos. Quedei coa boca aberta, parece mentira que haxa tanta estupidez e maldade neste mundo, a Voz de Galicia reflexouno así:

Un fuego provocado calcinó un quiosco del centro de A Pobra


Espero que obteñan o seu merecido como todo aquel que dana aínda sabendo o que fai e dalle igual. Por un mundo digno e libre de mal.

*Sábado 10 ás 12:30 manifestación en Ribeira na Praza do Concello co lema:

GALIZA CON PALESTINA, NON AO MASACRE!

Grazas a todos os que me recordáchedes felicitándome neste día tan especial. Carlos: unha dedicatoria preciosa.


09/12/2008

Mundo real

Este exprimidor de recordos e pensamentos, terá que dar cabida a máis. Así que, aínda que nun principio non tiña pensado falar de política, actualidade, guerras... coa obriga de voltar á realidade, este mini-mundo escapista non pode vivir só de soños, desexos, ilusións, fantasías, aficións, lembranzas, etc...

Este vídeo recollido nun post do camacato, para mín, semella un PÁSAO, co fin de saber que non todo o que nos contan resulta ser certo. Non é tan fero o lobo como o pintan... maiormente. Sean Penn fala da súa estancia en Venezuela e de Hugo Chávez, (Sean renunciou á colaboración periodística que viña facendo no periódico San Francisco Chronicle, en xaneiro deste ano, por chamarlle dictador ao presidente venezolano, cando realmente foi elixido democráticamente). Cada quen que saque conclusións propias dos seus comentarios.


17/11/2008

Grazas

Xa comezou a conta atrás. Este 2008 está rematando, o tempo pasa incesantemente, ano tras ano cada vez máis á présa. Sempre escoitei que cando se pasa ben todo é máis rápido nembargantes cando se pasa mal, máis lento. Hai momentos en que os días parecen horas, outros semanas, todo depende, máis rebato esa cuestión. Para min non foi o mellor ano, tampouco tan malo, se me poño en plan positivo. A ansiedade limitou trazas da miña vida estos 11 meses, e como digo sempre: "non hai mal que por ben non veña", aprendín moitas leccións que me fixeron evolucionar e mudar aspectos que o precisaban, aínda faltan... despaciño e boa letra.

"O que non te mata, faite máis forte"

Que che pregunten como estás, sobra xente, pero recibir mans amigas que che amosen o sendeiro para seguir adiante sen pedir nada a cambio... eso non ten prezo (parece un dos anuncios da MasterCard). Agradezo moito aos que estiveron aí. Grazas H por estar sempre ao meu lado nas boas e nas malas, polo teu cariño e comprensión, por verme como só ti sabes verme...; grazas Carlos por apoiarme axudándome a atopar unha solución para ser e estar mellor, e grazas Marian por orientarme como só ti sabes facelo. Non me vou poñer en plan dramático, algo que odio, así que cambio de tema.

Descubrín unha nova serie que me fixo rir abondo. Baixeina de internet por casualidade. Atraeume o título: "Samantha ¿Que?". Só hai a primeira tempada, de momento. Samantha (Christina Applegate) esperta dun coma na cama dun hospital despois de 8 días con amnesia retrógrada, non recorda nada da súa vida. Pouco a pouco, a través de pequenos detalles vai descubrindo o tipo de persoa que era antes de ser atropelada por un conductor que se deu á fuga: unha mala pécora de coidado. Non conto máis, mellor vela.




29/06/2008

Evolución

Estiven relendo o pouquiño que tiña escrito, pois xa nin me lembraba deste buraquiño virtual. Recordoumo esta semana o meu irmán Carlos. Debería voltar e empezar de cero, pero non, os meus sentimentos pasados son parte de min. Non me extraña que a ansiedade e os ataques de pánico me invadisen, pois a muller negativísima que habitaba no meu ser tiña que rebentar nalgún momento.

Estes meses pasados sen deixar señas por aquí, foron dunha ampla evolución persoal, así quero pensalo, e creo que si o foi. Nunca paramos de evolucionar, eso é o bo. Abrirse máis ao mundo, deixar de ser un animal solitario ennegrecido polo peso da civilización. A familia e os amigos son agora parte moi importante da miña vida, xa non me encerro en min, procuro liberar toda a enerxía que antaño me gardaba, sen oficio nin beneficio. Máis algo esencial é quererse a un mesmo primeiro, para despois poder querer aos demais. Se non nos axudamos a nós mesmos, non podemos estar en condicións de axudar.

O medo a ser danada, acabou por danarme. A cuncha que supostamente me protexía, non a preciso e agora pasiño a paso, volto a renacer. Como se empezase a descubrir todas e cada unha das pequenas cousas, que son as que nos dan a verdadeira felicidade. E así voume atopando a min mesma, a verdadeira muller que son e que me gustaría ser. Estou contenta, a loita do día a día cada vez é máis doada. A xente que me quere é algo fundamental neste proceso, un proceso que tarde ou cedo todos pasamos, dunha maneira ou de outra. Sempre mirar cara adiante, e se voltamos atrás, ao pasado, que sexa só para coller impulso.

Cada vez creo máis no poder da mente. A mente domínao todo, todo, todo. Recibimos o que damos. Así que...

Todo o que engado, non o penso moito, escríboo e punto. Non vai ser un best-seller, nin nada semellante. Son ideas aleatorias que compoñen o meu sentir e en fin... todo o que son.

Grazas Carlos por recordarme que siga.