Mostrando postagens com marcador series. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador series. Mostrar todas as postagens

21/01/2009

A terapia da kk

Moitos pensamentos, nada que contar. Levo xa uns cantos días encerrada, a gripe pilloume con forza, polo menos agora xa respiro aínda que os senos para-nasais doen coa falta de drenaxe de tanta conxestión. Despois de tantos meses evitando tomar azucre (por moitas causas, a máis importante é o subidón seguido do baixón que dá, afectando física e animicamente) e estando maliña non teño máis que antollo de chocolate quentiño con "croissants". Deixar o vicio de fumar para caer noutro (onte fixen 2 meses sen tabaco e levo aforrados 300 euros, díxomo o quitómetro). Ter tanto tempo para pensar non é nada bo, barallo e barallo sen chegar a ningunha conclusión específica de nada, só sirve para comer o tarro e acabar tomando máis aspirinas. Estiven lendo libriños dos meus, empecei varios á vez: Masajes y reflexoterapia, Mente creativa e Gimnasia cerebral, teño pendente o de Feng Shui. H di que parezo "La Hierbas" da serie "Aquí no hay quien viva" con tanta terapia alternativa. Cada un é como é, ou como quere ser, mellor dito.

Tamén remexín, coma de cotío, por internet, lendo as novas do día, as actualizacións de blogues... para seguidamente escaquearme de páxina en páxina ata atopar artigos rariños que acaban enganchándome. Fun dar a un remedio un tanto curioso para a ira (hai veces que fago como en Ally McBeal, na imaxinación recreo accións que non podo, nin quero, facer na realidade por motivos obvios). Resulta que, para librarse do rancor, odio, vinganza, etc... cada vez que vaias ao wc a expulsar os residuos tóxicos, fluídos ou sólidos, do corpo (senón estouparíamos), penses que tamén eliminas eses estados emocionais tan autodestructivos. Sensacións que envelenan a alma e anubran a mente impedindo a paz mental. Hai de todo: "Lance sempre encontrou a súa motivación na ira e no rancor. E debo dicir que si gañar é agradable, non hai nada máis pracenteiro que facelo cando todo o mundo quere que perdas", dixo o director deportivo do ciclista estadounidense Lance Armstrong.

Pois nada, a poñer en práctica eso de eliminar sentimentos negativos cada día!!!

*Falando de Ally McBeal, paréceme divertido voltar a ver o baile mítico da serie coa canción de Barry White: You're the first, the last, my everything.


08/12/2008

Debuxiños

Resulta que podo poñerlle cara e corpo humano a Eriko, cantante protagonista dos debuxos que tantas cancións me gustaban cando nena, quizais xa non tan nena. Inclusive madrugaba en verán a propósito a velos e poder grabar as cancións de cada capítulo para despois intentar sacarlle a letra nipona á miña maneira, unha desastrosa maneira. Recórdame moito a Candy Candy, outra serie animada lacrimóxena, que tanto nos emocionaba a todos. Pobriña, pasábaas moi p... Era das miñas favoritas, máis como me di H: "Para ti todo é favorito", será certo, gústanme demasiadas cousas, e ¿será certo tamén que di que eso pásame porque estou namorada da vida? A saber...




Aí vai esta actuación en vivo de Eriko Tamura, a de carne e óso, titulado Sukiyo, alá por finais dos 80.




E aquí un fragmento da serie coa canción May be a dream




Remexendo na rede atopei este poster, hai peli de Dragon Ball este ano que entra, a ver se non é decepcionante, ogallá que non. Agardaremos ata o 10 de abril do 2009. (Eriko Tamura participa neste filme como Mai)


*Hoxe é día 8 de decembro, nun mes xusto é o meu aniversario, comeza a conta atrás. Imos vellos... pero ben conservados.


27/11/2008

Decisións

O destino está escrito, oímos moitas veces. Parece mentira que así sexa, máis non de todo. Hai situacións que parecen inevitables nas nosas vidas, mudan segundo as nosas eleccións. Éche coma esos libros, que recordo na biblioteca do colexio das monxas cando era unha nena, que tiñan un desenlace distinto segundo escollésemos as páxinas a seguir da aventura que estivesemos lendo. Era moi divertido e, sen sabelo, educativo, facíanos responsable dun final ou doutro. Cando medras daste conta, que si, sabemos que o camiño que seguimos varía dependendo do que escollamos facer, hai moitos desvíos, encrucilladas, por intres, calexóns aparentemente sen saída, máis si a teñen, pese a non saber vela no seu momento. Todo ten solución, agás a morte.

É inevitable pensar... que pasaría se houbese feito outra cousa naquel momento? como estaría hoxe? como sería? viviría noutro lugar? tería xente diferente ao meu carón? Preguntas sen resposta. Lástima que non teñamos un libriño deses, como os da miña infancia, coa nosa propia vida. Sería trampa, seino... pero sentiríamonos tan aliviados cando sufrimos ou nos perdemos.

Mellor aínda, ser a guionista da miña propia vida cambiando a antollo todo o que non me gustase, ou o que me apetecese en cada momento. Que egoista sona... (no comments). E falando de guións, estou impaciente por ver a V tempada de "Mujeres desesperadas", deixoume moi intrigada o último capítulo da IV. Terei que conformarme con ver os 5 primeiros subtitulados, a ver se os consigo axiña. Altamente recomendable.


DESPERATE HOUSEWIVES - MUJERES DESESPERADAS

*Tomando outro camiño levo case 7 días libre de nicotina, procurarei apartarme de todo o que non me convén. Conseguireino? Eso xa o decidirá o destino.

17/11/2008

Grazas

Xa comezou a conta atrás. Este 2008 está rematando, o tempo pasa incesantemente, ano tras ano cada vez máis á présa. Sempre escoitei que cando se pasa ben todo é máis rápido nembargantes cando se pasa mal, máis lento. Hai momentos en que os días parecen horas, outros semanas, todo depende, máis rebato esa cuestión. Para min non foi o mellor ano, tampouco tan malo, se me poño en plan positivo. A ansiedade limitou trazas da miña vida estos 11 meses, e como digo sempre: "non hai mal que por ben non veña", aprendín moitas leccións que me fixeron evolucionar e mudar aspectos que o precisaban, aínda faltan... despaciño e boa letra.

"O que non te mata, faite máis forte"

Que che pregunten como estás, sobra xente, pero recibir mans amigas que che amosen o sendeiro para seguir adiante sen pedir nada a cambio... eso non ten prezo (parece un dos anuncios da MasterCard). Agradezo moito aos que estiveron aí. Grazas H por estar sempre ao meu lado nas boas e nas malas, polo teu cariño e comprensión, por verme como só ti sabes verme...; grazas Carlos por apoiarme axudándome a atopar unha solución para ser e estar mellor, e grazas Marian por orientarme como só ti sabes facelo. Non me vou poñer en plan dramático, algo que odio, así que cambio de tema.

Descubrín unha nova serie que me fixo rir abondo. Baixeina de internet por casualidade. Atraeume o título: "Samantha ¿Que?". Só hai a primeira tempada, de momento. Samantha (Christina Applegate) esperta dun coma na cama dun hospital despois de 8 días con amnesia retrógrada, non recorda nada da súa vida. Pouco a pouco, a través de pequenos detalles vai descubrindo o tipo de persoa que era antes de ser atropelada por un conductor que se deu á fuga: unha mala pécora de coidado. Non conto máis, mellor vela.




28/10/2008

Adiccións

Ultimamente apetéceme ver series de televisión bastante peculiares. No post anterior fago referencia ao Sr. Monk, un detective moi especial na súa forma de resolver casos e máis na forma de ser, coa súa lista enorme de fobias e un transtorno obsesivo-compulsivo. Cada vez que toca a alguén usa unha toalliña húmeda para limparse; obsesionado cos números redondos, os xérmenes, a limpeza, a orde, a perfección á súa maneira... Ata come os alimentos en platos separados porque non poden tocarse entre si (as patacas nun prato, os chícharos noutro, ...) e un infinito número de manías. En definitiva, todo un personaxe.

Esta semana colleu o turno Psych, un mozo chamado Shawn cunha capacidade de observación asombrosa que se fai pasar por vidente, axudándolle á policía nas investigacións, xunto co seu amigo da infancia Gus.

Recoñezo a miña adicción ás series de televisión en xeral, pero adoro as series con intriga, mellor con humor. Sempre me gustaron, dende nena. Recordo a Colombo, Mike Hammer, Remington Steele, Matt Houston, Se ha escrito un crimen, Luz de luna, Magnum... (Eu tiña que ter sido detective, entre outras moitas cousas). O bonito é que cada unha delas representa unha etapa distinta da vida, traendo moitas lembranzas.

*Aínda que, por unha hora + ou -, xa pasou o 27 de outubro: "H, felicidades e grazas por compartir estes 7 anos xuntos de serie-adictos".


23/10/2008

Momentos felices

Hai unha frase que di: "Se choras por non ver o sol, as bágoas impediranche ver a estrelas". Ás veces obsesionámonos co que non temos olvidándonos do que si posuímos. A felicidade consiste nas pequeniñas cousas do día a día. Lin fai pouco que:

O destino dos homes está feito de momentos felices, toda a vida os ten, pero non de épocas felices

Friedrich Wilhelm Nietzsche. Filosofo alemán

A miña amiga Marian tiña outra frase para contentarse, sempre me dicía: "Lo que no es para mí, entonces no lo quiero".

Un bo método para ser feliz é rodearte de persoas que queremos e nos queren de verdade, ou sinxelamente positivizar o noso entorno apartándonos de xente ou situacións negativas que só conseguen facernos dano, desviándonos do noso verdadeiro camiño. O camiño á felicidade.

Venme á memoria un documental que vin a pasada semana: unha muller diagnosticada de cancro de mama, a súa reacción foi admirable. Sigueu o tratamento médico coa convicción de que estaba curada, vivía unha vida plena intentando pensar o menos posible na enfermidade. Xa falei demasiadas veces do poder da mente, digan o que digan os escépticos. A súa mellor terapia foi procurar estar contenta tódolos días, rir moito con todo o que estivese ao seu alcance (alugaba películas cómicas tódalas noites), en fin... tentaba ser feliz desconectando como fose do problema. En tres meses estaba totalmente sá.

Para potenciar os momentos felices sigo o seu exemplo, esta semana tocoulle ao meu amigo Monk na V tempada, unha serie moi entretida que nos divirte a H e a min. Por sorte, H e máis eu temos moitas cousas en común.




A canción do comezo é de Randy Newman, aí vai a letriña

IT´S A JUNGLE OUT THERE

It's a jungle out there
Hai unha xungla aí fóra
Disorder and confusion everywhere
Desorde e confusión en todas partes
No one seems to care
Ninguén presta atención
Well, I do
Ben, eu fágoo
Hey, who's in charge here
Óe, quen está ao cargo aquí
It's a jungle out there
Hai unha xungla aí fóra
Poison in the very air we breathe
Veleno no aire que respiramos
Do you know what's in the water that you drink?
¿Sabes que ten a auga que bebes?
Well, I do, and it's amazing
Ben, eu seino, e é incrible
People think I'm crazy 'cause I worry all the time
A xente pensa que estou tolo porque me preocupo todo o tempo
If you paid attention you'd be worried too
Se prestases atención preocuparíaste tamén
You better pay attention
Presta máis atención
Or this world we love so much might just kill you
Ou este mundo que tanto amamos podería matarte
I could be wrong now but I don't think so
Podería estar equivocado máis creo que non
'Cause there's a jungle out there
Porque hai unha xungla aí fóra
It's a jungle out there
Hai unha xungla aí fóra

06/10/2008

O karma

O cambio de estación, pois xa estamos no apagadiño e escuro outono, trae cambios no tempo e no meu interior. Etapa obxectiva na que tento ser "hippie", como sempre me aconsella H, pasar de todo e sinxelamente vivir, desconectar un pouco e tirar para adiante sen comerse tanto a "olla". Unha tempada coa mente en branco, sen cuestionarse nada, nin os problemas, nin o día a día, sen autocompadecerse, como os animais, pois eles nunca se lamentan, simplemente sobreviven: supervivencia.

Ao final, a vida pon as cousas no seu sitio, o destino xa está organizado para nós. O karma e o darma. Estiven lendo sobre as vidas pasadas, a lei de acción e consecuencia, o equilibrio do universo. Todo o que nos ocorre, din que vén provocado polo que fixemos noutra ou nesta vida. Recórdame á divertida serie Me llamo Earl, que vai sobre o tema.



26/07/2008

Malditos mocos

Levo xa moito tempo cunha alerxia que noto máis estos días, cando me levanto da cama non paro de esbirrar, sonar os mocos e os ollos non deixan de soltar bágoas. Recordo ao amigo de Shin Chan, Bo Chan, que sempre anda co moco enorme colgando do nariz. Pois eu igual.

Hoxe voltou saír o sol, a ver o que nos dura. En Galiza é moi raro que non chova, sexa a estación do ano que sexa. Estes cambios de temperaturas son os que me matan, así que a seguir conxestionada cun klinex preto, por se acaso.