14/01/2009

55 días sen fumar

Despois de ver o Quitómetro que Carlos me recomendou visto no blog de Brétemas, engadino á miña computadora. Levaba a conta manualmente na mensaxe do chat do correo de gmail, xunto á ligazón deste blog: 55 días sen fumar. Agora tamén sei que son 1 mes 3 semanas e 4 días, 7 semanas, 1.334 horas, 80.051 minutos ou 4.803.120 segundos neste intre; que levo aforrados 204,30 euros e que non fumei neste tempo 1668 cigarros + ou -, eu diría que coas saídas de copas esa cifra aumentaría con creces.

Aproveitei un día que baixei a tomar unhas cañas, xunto cun inicio de gripe das boas e un empacho de tabaco, rematando feita pó, quitándome as ganas de fumar e de nada. Despois da gripe levábao mal, e como adoro a medicina natural botei man a internet buscando remedios para poder levar mellor o "mono". Beber moita auga é importante para axudar a depurar, mellor con limón exprimido. A lecitina de soia axuda a producir unha sustancia no fígado (niacina, creo) que deixamos de producir cando somos fumadores. E tomar infusións relaxantes para ansiedade, nada máis, bueno tamén compraba chupa-chups ou caramelos sen azucre para o costume de ter algo na man (din que o AZUCRE podería estar considerado coma unha droga pola adicción que crea e por máis motivos nocivos para a saúde: entre eles a eliminación do calcio do noso organismo, pero tampouco oín falar moi ben dos edulcorantes polo de que producen cancro, e despois tamén din que a fructosa engorda...) malia os efectos secundarios dos caramelos, xa o pon en letra pequeniña: "Un consumo excesivo pode ter efectos laxantes". Pois nada que aí vou, batalla a batalla co fin de gañar a guerra. Cada día que pasa é máis doado, xa me encarguei de comentarllo a todo o mundo, o orgullo tamén axuda para non volver a caer. ¿Paranoias ou non? Os fumadores míranche coma se saíses do clan das "chimeneas" (ha ha ha...), xa me considero "non fumadora", estou moi contenta con esta decisión.


09/01/2009

Indignación

Teño que recoñecer que este 8 de xaneiro do 2009 será un día a recordar por distintos motivos no meu entorno. Por unha parte por ser o día do meu aniversario, por outra polo nacemento da sobriña de H sobre as 15:00 horas mediante cesárea (unha bonequiña pequerrechiña) e a final do día recibo unha noticia desastrosa. A miña amiga Carmela, da Pobra, chámame en parte para felicitarme e por outra contarme o día de cans que leva a causa da queima do seu quiosco, o seu medio de vida reducido a cinzas a mans duns vándalos. Quedei coa boca aberta, parece mentira que haxa tanta estupidez e maldade neste mundo, a Voz de Galicia reflexouno así:

Un fuego provocado calcinó un quiosco del centro de A Pobra


Espero que obteñan o seu merecido como todo aquel que dana aínda sabendo o que fai e dalle igual. Por un mundo digno e libre de mal.

*Sábado 10 ás 12:30 manifestación en Ribeira na Praza do Concello co lema:

GALIZA CON PALESTINA, NON AO MASACRE!

Grazas a todos os que me recordáchedes felicitándome neste día tan especial. Carlos: unha dedicatoria preciosa.


05/01/2009

Queridos Reis Magos:

"Queridos Reis Magos:" Este comezo da carta dirixida a eses tres homiños tan distintos entre si, creo recordar que nunca a fixen. Non me inculcaron a crenza deles. Na nosa casa eran máis prácticos, como somos 4 irmáns, para non ter dúbidas errándose no regalo (supoño que sería por iso) iamos todos xuntos directamente á tenda e cada un elixía o que máis desexaba. E todos contentos. Unha forma distinta de ver o Nadal. Así tamén evitamos crer en tonterías, fantasías inexistentes. Bo ou contraproducente? Non sei ata que punto tanta realidade dende nena sería boa.

O ratiño Pérez, outra crenza que non tiven, para mín era a sorte de que miña nai ou meu pai me deixasen cartiños pola caída dun dente. Espertaba coa ilusión de que puxesen debaixo da almofada unha moeda de 25 ou 50 pesetas, polo seu grande tamaño. Xa daquela me gustaban as cousas grandes.

Será por estas cousas da infancia que a nena que levo dentro sae cada vez con máis frecuencia a medida que pasan os anos, reconciliarse con ela e deixala saír de vez en cando é o mellor que se pode facer: aceptarse a un mesmo. O primordial: ser tal cal se é, quererse e deixarse levar sen reproches, os máis duros son os que nós mesmos nos dicimos.

A nena que levo dentro vai facer hoxe unha carta, non espero recibir nada, máis de ilusións tamén se vive.


Queridos Reis Magos:

Dádeme o segredo da lonxevidade, pasen os anos que pasen sempre estades aí repartindo regaliños cada noite do 6 de xaneiro. Este ano non fun moi boa pero tampouco tan mala. A maldade é algo que non se me pega nada. Din que teño moi bo corazón, mentiras!!! A ver se me traes outro que este sempre anda con palpitacións. Ademais quero unhas cervicais novas que o fisioterapeuta, o pobriño, non dá abasto comigo. Tamén quero forza e sentido común para seguir adiante este ano que pasarei soa a partir de marzo, cando H marche para Afganistán (e que el volte enteiro). O mellor de todo sería que se acabasen as malditas guerras e matanzas en todo o mundo, cada vez que miro e telexornal, a prensa, etc... só vexo conflictos, destrucción... Facede o que poidades. Saudiños.

Ála, a meniña xa escribeu a carta, agora toca voltar a ser adulta. Ogallá as cousas boas durasen sempre.


02/01/2009

Ano máis, ano menos

Outro ano máis que foxe escurridizo entre as nosas mans, outro ano menos de vida... Ai, que vella me sinto estos días!!! Será a pesadez de tanta enchenta propia destas datas, agora toca, bueno, mellor dito, despois de Reis ou do meu aniversario que é 2 días despois, voltar a facer dieta sá para depurar toda a saturación que lle metemos ao corpo. Falando de Reis, na miña zona a xente faille o plural ao plural: de rei, reis, pois non, aquí son "reises". Faime graza, como tamén me fai graza o de ter espaldas ou narices, eu pensei que só tiña unha espalda e un nariz. Cousas curiosas da fala...

Agardo que este ano depare moitas cousas boas e que se cumpran tódolos soños: eu de momento confórmome con pequeniñas cousas que me axuden a subir un peldaño máis desta escada chamada vida, evolucionando, acadando maior realización pasiño a pasiño. Cada quen que pida o seu desexo.

TODO É POSIBLE


22/12/2008

Nadal ou algo...

Nunca me invadeu moito o espírito do Nadal, sinxelamente é a época máis apática, estresante e forzada de todo o ano. Non porque estemos nestas datas imos ser mellores persoas, nin máis felices: hipocresía. A pesares das miñas opinións: desexo Boas Festas e un mellor ano que entra para todo o mundo (que o mereza), aínda que só sexa para escoitar esta canción de Mariah Carey "All I want for Christmas is you" coa voz particularmente marabillosa en directo.