26/05/2009

Sei quen non quero ser

Etapa renovadora e purificante que me fixo ver, unha vez máis, que non sei quen son, pero si sei quen non quero ser. E non hai mellor satisfacción no mundo que enmendar os erros cometidos, borrar as manchas que se pegan á alma cal chicle masticado e pisoteado. A extracción resulta sempre difícil: pode saír enteiro deixando marcas nas que o tempo é o encargado de aclarar, olvidándonos de que un día estivo aí; ou saír cachiño a cachiño, facendo a súa desaparición máis lenta e con dor, pero eficaz igualmente. O importante é a liberación que se sinte ao final, a paz que queda na conciencia e no ser.

Levo un tempiño sen escribir, tanta ocupación desocupouse esperada ou inesperadamente. Recordei que "tódolos parvos teñen sorte", eso é o que me aprenderon fai moitos anos na escola da vida, nembargantes agora conseguín ver que é unha frase total e absolutamente baleira de contido, ademais de reflexar autocompaixón sumerxida nun victimismo esaxerado: desculpando que case nunca pasa o que queremos no intre en que o queremos, a pesares dos esforzos... facéndonos sentir coma o meniño consentido que acaba dicindo: "agora xa non o quero", porque xa non presta coa mala ost... que se queda no corpo. Eu sigo coas miñas suposicións: todo ten un sentido, un orde lóxico, un aprendizaxe necesario, unha evolución psicolóxica... e, finalmente: un camiño que nos toca seguir a cada un de nós, aínda que non pareza xusto. Hai que aproveitar ata as desventuras ao noso favor, ese é o truco.


05/04/2009

Luz no túnel da vida

Cando nada se ten, nada aparece para mudar a situación, nembargantes cando hai algo no noso horizonte aparecen demasiadas actividades ás cales facer fronte, converténdose cada día nunha nova batalla que librar tentando gañar a guerra: a guerra interna da vida, dos obxectivos, da realización... Digo todo esto por experiencia propia, pois ultimamente non teño tempo nin para "cagar" (uso metáforas moi escatolóxicas, que lle imos facer se prefiro ser eu mesma, tal cal, aínda que as palabras usadas non sexan as máis axeitadas). Gústame o tempo libre para facer "un pouquiño bastante" o que me peta: ler, reflexionar, H e máis eu disfrutando da nosa compaña, (aínda que estemos en silencio) cando se está con alguén especial a súa proximidade abonda, alguén que cando te mira xa te entende, e viceversa.

Síntome estrañamente libre, nunha fase evolutiva do propio ser. A paz irrompe paseniñamente moi adentro, liberando os demos que matan o bo que habita en nós. Os camiños que se toman erradamente, tarde ou cedo, hai que desviarse deles e ser consciente de que a verdade e o correcto nos conducirán a onde realmente desexamos ir. Nunca seremos perfectos, pois ata as máquinas fallan, máis a honestidade con nós e co mundo axudaranos a non morrer por dentro lentamente e autodestruirnos. Esa é a esencia.

Se non me equivoco, estou na data da volta a Ribeira. 2 aniños, nada máis e nada menos.


10/03/2009

Amizade

Pasaron as eleccións do 1 de marzo. Os personaxes mudaron de situación, a reflexión dos cambios faise inevitable. Dentro do malo teño que dicir dun xeito positivista que, no fondo, xa estamos acostumados a loitar e pedir o que nós é noso. Cousas que pasan na democracia, porque iso é o bo, vivimos nunha democracia.

O mércores marchei para Cáceres, H tivo que solucionar uns asuntos laborais nesas terras, aproveitando eu para darlle unha sorpresa á miña amiga Marian. E foi así, unha grande sorpresa, non contaba coa miña presencia ese día. O tempo non chegou a moito, é o que teñen as viaxes relámpago (fíxose moi curta a estancia nese lugar e moi longa a viaxe no coche). Aproveitamos cada instante coas nosas conversas, temos un "feeling" fóra do común entre nós. O máis bonito é que as boas amizades nunca morren a pesares da distancia. Case estivemos de aniversario pois o ano pasado marchei desas terras un 7 de marzo do 2008 e a visita tivo lugar o 5 de marzo deste ano. A súa promesa de devolverme esa visita este verán sigue en pé, así o espero.

Hoxe celebro ese bo rollo, esa complicidade... e digo en voz alta: Vivan as bonitas amizades!!!

Cáceres
04.03.09

24/02/2009

Entroido

Xa facía ben de anos que non me disfrazaba, como a H non lle gusta acabei por collerlle tirria eu tamén, pero non cos seus motivos eu opino que o entroido transformouse nunha festa consumista máis, a xente non se disfraza de calquera xeito, gastan unha pasta para lucirse. Eu recordo que antes disfrazábaste máis ben para que ninguén che coñecese, un xeito de saír á rúa a desinhibirse e soltar a melena, unha terapia tan boa coma outra calquera. Sen facer burradas, claro.

Non ía saír onte, non me apetecía pero unhas "amigas" (a xente que só está para tomar copas non son realmente amigos, ou si?) convencéronme e ao final discorrín rápidamente un disfrace, saquei (non recordo as palabras que me dixo Ramón, un home intelixente onde os haxa) á morta que levo dentro, diría eu. Fun de Noiva cadáver (non a de Tim Burton). A miña frase era: "Morrín antes de chegar a consumar o matrimonio, veño a este mundo a vingarme do asasino por deixarme ir ao máis alá sendo virxe" Hahahahahaha. Un psicoanalista facería estragos con esto. Eso que tiña pensado ir de meniña do Exorcista, pero faltoume H para ir de cura. Outra vez será.




14/02/2009

Corazonciños

Non sei porque me negaba a recoñecer, fai anos, o meu puntiño romántico. A parte fría capricorniana de min agardo pouco a pouco a que se afunda ata facela desaparecer, non quero ser capitán que se deixe ir co barco á zona máis escura e profunda ata o límite dificultando o rescate, cada vez máis quero ofrecer ao mundo o lado tenro e cariñoso que quizais tiña vergoña ou medo de amosar. Agora grito aos catro ventos, correndo risco de que me tachen de "cursi", que merco artigos con forma de corazón. O último, se non recordo mal, un marcador de páxinas metálico la mar de curriño cun pequeno corazón vermello no seu extremo superior, idéntico ao da imaxe.

Antes coleccionaba chisqueiros, pero como xa non fumo aparquei esa colección, quizais empece cos corazonciños, H botaríame da casa se se ve rodeado de tanto corazón, xa abonda unha Ágata Ruíz de la Prada. Terá que asumir a súa parte da culpa: debe facer sobre uns 11 anos cando no Entroido , coincidindo co 14 de febreiro, quitoulle á "caravana do amor" despois do desfile o corazón grande de cartón cuberto cun tecido vermello para regalarmo ás escondidas. Hai persoas que saben sacar o mellor de nós, esas son as que nos interesan.

FELIZ DÍA DOS NAMORADOS!!!