29/01/2012

As chaves do corazón

Deixou que entrase, a porta estaba fechada con 3 chaves moi diferentes entre si, tanto en forma coma en cor. Cada chave significaba un medo afincado no sufrimento do pasado e perfectamente sabía que cada unha que xirase no sentido das agullas do reloxo a abandonaría ante desexos imposibles de controlar. A burbulla que a aillaba de todo mal externo crebaríase ao abrir, penetrando de novo un sen fin de eclépticas emocións.

Ao comezo o "toc toc" era suave, apenas se percibía. Quizais non quería oílo somerxida no seu espazo de decepcións. Os ratos do seu faiado soaban igual, do mesmo xeito, rebulindo dun lado pra outro remexendo sen parar por cada recuncho. Atesouraba saborosas boliñas de queixo dentro da neveira, boliñas perfectas na súa redondez destinadas á alimentación deses bechos minúsculos que engordaban e se multiplicaban pola súa causa. Precisaba que continuasen alí e desa forma seguir camuflando a evidencia do son que se impuña por momentos con toques febles ou intensos segundo cadrase. Parábase diante da porta cando o ruído cesaba e crendo que xa non tornaría, este aparecía con máis ímpeto facéndoa retroceder. Porén as existencias de queixo esgotáronse. Chegara a hora de saír aínda que non fose o mellor momento, de certo ningún o era sabendo que un mínimo paso fóra traería a vulnerabilidade consigo. O saltar polas fiestras tampouco lle proporcionaba paz e matinaba na idea de que quizais detrás deses latexos acompasados que murmuraban nunhas ocasións e berraban con forza noutras, non existise nada máis que a súa aloucada imaxinación. Xirou a primeira chave, a negra, deixando manar a confianza e, sentíndose un pouco máis lixeira e valente, continuou pola segunda, de ton aferruxado, a cal desvelou coraxe mesturada con acougo. Co remuíño de sentimentos aflorando coma rosas na primavera pasou a virar a última que quedaba, a dourada, a que a espía totalmente converténdoa nun ser indefenso. E sen máis, alí estaba, o amor.

Sabía que a destrozaría, que o protexerse era vital, porén as casas teñen fiestras e portas e así como entra o frío se as deixas abertas tamén hai posibilidades de desfrutar da calor do sol. O tempo é inestable, imprevisible... Os ratiños seguirían pululando no faiado e, por se decidisen invadir outras partes da casa por non saber controlalos ou desfacerse deles, aprendería a tocar a frauta cal Hamelin, agardando que nunca lle faltase o aire.


27/01/2012

Mundos propios, universos paralelos e outros sen sentidos

O sol do meu teito dime que quere quedar coas estrelas, debe ser por iso que a lúa se me suicidou dúas veces. Os gatiños negros, inmóbiles, seguen a ollarme fixamente sen poder menear o rabiño a pesares do amor que desprenden. Morfeo mándame unha rata ameazante que me persegue e un coche que goberno sen rumbo dentro do país dos soños. Hai unha mesa e dúas cadeiras que non teño onde poñelas sen poder deixalas en ningures porque está prohibido. O gas desta vez queima unha casa en vez de a min. Os inimigos tornan e as verdades son crúas. Personalidades múltiples con diferentes roupas... E cando me quero dar conta o día está claro, portas pra fóra do meu habitáculo. Os sentimentos fluctúan, a mente traballa e o corpo pide un respiro. Neuroses semellantes a través da rede. E sen lóxica, libros atráenme coma un imán na busca de misterios resoltos...


20/01/2012

Abrir o corazón, idealizar o mundo, pechar a alma

Estados que mudan ineludiblemente, corpos que envellecen finados tempo atrás faltos de sentimentos, pensamentos martirizantes de erros cometidos; nostalxia de fermosas e vagas ilusións esvaecidas cal lóstrego; anhelos atrapados en anhelos; lategazos da crúa realidade que azoutan facendo que os olvidos custen unha eternidade e os recordos se tatúen a fogo na pel;  feridas abertas onde outras pecharon, paraísos interiores consumidos, afectos e bondades xelados pola crueldade, progresión da desconfianza, decepcións que aflixen a alma, receo das palabras, anoxo de posuír sensibilidade mal enfocada, angustia dos desexos convertidos en rechazos; aversión do banal, dos  que tiran proveito do que outros posúen.

Inentendible o sentir humano: a máis dar, máis repelencia; menos dar, máis atracción. (acaso gusta mellor o difícil, o imposible?) E entre lamentos continúo expremendo o baleiro pra facelo desaparecer... Volve a morriña polo pasado, o medo ao futuro, e a incertidume do presente. Unha pérdese un pouco máis, indefensa ante o desdén, ante as emocións extraviadas, tratando de ser forte e non espir a alma con que non o mereza. Procura seguir sendo a mesma, pero xa non pode... outro cachiño do corazón vaise e di que non pensa regresar, que xa está morto.

Quizais o erro máis grande é dar e esperar algo parecido a cambio, as expectativas nunca se cumpren. E así, o diáfano veo que se destapa cando as cicatrices parecían curadas estas emanan sangue de novo, e desta, dito veo vólvese máis grande, máis opaco e máis escuro que a última vez. Pode que volte a confianza, pode que deixemos o medo fuxir e re entregarnos á vida pensando que é o momento axeitado, pode que se desnude a alma sen temor, máis coa dificultade engadida do peso do vivido porque nada é o que parece nun principio, e unha soñadora recorda as palabras de Calderón: A vida é soño; e os soños, soños son.

18/01/2012

Só ti

Ao non dar durmido as miñas neuronas non paran de traballar, o corazón dende onte sigue apertado, triste, aínda máis que meses atrás. O camiño que emprendín foi meditado, pero as trabas que aparecen fanme pensar porque agora estou onde estou e porque non existe un botón cal computadora pra poder reiniciar, resetear e poder poñer a configuración como estaba. A pesares de todo déixasme ir, porque queres verme feliz e sei que sufres porque non o consigo. Se tiña o mellor, por que non podo sentir coma antes? Quizais tamén sufro porque me doe o non ser capaz de que as cousas continuasen como estaban, porque só ti estiveches e estás nas boas e nas malas, porque me chamas 3 ou 4 veces ao día pra saber como estou a pesares de estar liado, porque me dás máis do que tes pra que non o pase mal aínda que ti teñas carencias, porque sigues tentando aledarme aínda que non teñas ganas por ter un día complicado... Recordo os coidados cando estiven mala, as 24 horas do día xuntos 7 días á semana nas vacacións sen aburrirnos nadiña o un do outro, as frases que só nós entendíamos e nos facían rir, as marathóns de series ou películas nas fin de semanas, as masaxes nós pés por inercia que me dabas a pesares de estar cansado, o saber que comidas me gustarían só con probalas, as apertas e bicos que me dabas aínda durmido de todo, a nobreza que posúes con todo o mundo, o saír comigo a tomar algo ou facer deporte a pesares de non ter ganas cando eu estaba decaída, as túas metáforas graciosas para explicarme como me vías, o saír sen rumbo no coche á aventura... e un sen fin de cousas boas. Pero non che darei as grazas, porque se che dou as grazas por todo sería como cando se di "quérote" e o outro responde "eu tamén". Non é o mesmo un "eu tamén" e agradecer sería como se nunca che houbese correspondido.

Sigo culpando ao tubo de adrenalina daquela vez... o meu corazón case se para e acelerou en demasía coa inxección. Quero buscar un culpable de todo, unha reacción química que afectase, máis ás veces non se pode buscar ningún porqué.




17/01/2012

Soños e tristezas

Se non se avanza e as historias se repiten hai que buscar no máis fondo posible a orixe e tentar non quedar aló abaixo. Cando as ilusións se perden e o cóncavo da nosa boca non é capaz a transformarse en convexo aparece a conciencia de que hai unha raíz moi profunda que non somos capaces a arrincar, unha parte que queda escondida nalgún lugar da terra volvendo a rexurdir con forza a mala herba.

O corpo estoupa dalgún xeito, amosa que o noso corazón e a nosa mente o fan traballar a marchas forzadas estancados en situacións que nos fan infelices. Os pesadelos volven, as ganas de esconderse do mundo emerxen e nun círculo vicioso caemos máis e máis dentro do abismo. Nestes casos tamén nos damos conta de quen nos quere e a quen lle importamos un pemento, pois aínda que temos que saír adiante por nós mesmos as forzas faltan e a escuridade invade todo o noso entorno difuminando a saída.

Esta noite volvín soñar con algo que me persegue, nunca sei o que é, como se fose invisible, un ente, un espírito, algo malvado que vén a por min e aínda que noutros soños me enfronto a el, sempre me gaña a batalla. Esta noite optei por fuxir, corrín e corrín buscando un lugar seguro. Por momentos non podía ter os pés no chan e cal Tarzán saltaba de corda en corda dun tendedeiro inmensamente longo. Cando por fin puiden pisar terra, unha catarata altísima separábame dunha illa que parecía fermosísima con tanto verde, rochas redondeadas e un lago cunha fonte de pedra no centro. Aparentaba paradisíaca e, sen escapatoria, optei por cortar unha corda das anteriores correndo o risco de ao saltar, matarme. Conseguín chegar sen danarme, tiven a sorte de esquivar o mar e as altas pedras aterrando nela sa e salva. Para a miña sorpresa os perigos non remataran, dita illa estaba cheíña de monos, gorilas... todos negros e espreitándome con mirada furiosa. Decidín correr novamente, con grande enfado viñan tras miña atacándome sen piedade, como se eu non puidese estar alí, entre eles. Eran demasiados e tentando esquivalos e golpeándoos pra apartalos conseguín subir un muro moi alto. Volven as sorpresas... atopo unha mini cidade fea, sen xente pola rúa, tentando buscar outra saída que me leve a onde quero ir aínda que non sei onde é exactamente. Ollo polas fiestras das casas, todos están dentro da súa, e con mirada de estrañados como se eu fose unha pantasma quedan paralizados, asustados... como se tampouco puidese estar alí. E aquí espertei...

08/01/2012

Brillar na escuridade

Disque estou de aniversario. Tal día coma hoxe fai 25 anos + 10 que vin a este mundo, cadrou en sábado e foi sobre as 10 da mañá. Así que sendo as horas que son aínda non medrei un ano máis, pouco queda. Falando o outro día coa miña nai recordoume que sempre fun cativiña, con 15 días de vida unha neumonía das gordas case me leva e que pasei as mil e unha enfermidades xuntas ata os dous anos. Nacín con pouco peso e a pesares de ser feble saín adiante e aquí estou dando guerra. Quizais nos meus adentros seguín crendo que aquela meniña débil continúa en min. A vida é moi estraña e fainos dar mil e unha voltas, portas que se pechan ante nós que nos fan quedar inmóbiles agardando que volvan a abrir. Esquecemos que hai fiestras, ou tal vez outras portas que xa están abertas. E agora aquí estou, soa e tentando controlar a tristeza porque o que esperaba que ía ser deixou de selo. Agradezo cada un dos parabéns que me ofrecen, uns máis sentidos, outros por cortesía, pero esta meniña atrapada nun corpo de muller ten moito que volver a xogar. A reservada e fría que era deixou paso a outra que exterioriza tanto os sentimentos que lle dá igual o que poidan pensar. A apariencia é algo que ben pouco me importa, iso digo agora, canto cambiei. Non quero lástima, nin falsedade. A parte boa é que dentro da escuridade hai un pequeno puntiño de luz que me fai camiñar, quizais son eu, que por fortuna nunca me deixarei apagar por moito que os vendavais azouten. Serei coma esas veas máxicas de aniversario que por moito que sopren, continúan acesas.

Ou senón mercarei lencería desta...