Deixou que entrase, a porta estaba fechada con 3 chaves moi diferentes entre si, tanto en forma coma en cor. Cada chave significaba un medo afincado no sufrimento do pasado e perfectamente sabía que cada unha que xirase no sentido das agullas do reloxo a abandonaría ante desexos imposibles de controlar. A burbulla que a aillaba de todo mal externo crebaríase ao abrir, penetrando de novo un sen fin de eclépticas emocións.
Ao comezo o "toc toc" era suave, apenas se percibía. Quizais non quería oílo somerxida no seu espazo de decepcións. Os ratos do seu faiado soaban igual, do mesmo xeito, rebulindo dun lado pra outro remexendo sen parar por cada recuncho. Atesouraba saborosas boliñas de queixo dentro da neveira, boliñas perfectas na súa redondez destinadas á alimentación deses bechos minúsculos que engordaban e se multiplicaban pola súa causa. Precisaba que continuasen alí e desa forma seguir camuflando a evidencia do son que se impuña por momentos con toques febles ou intensos segundo cadrase. Parábase diante da porta cando o ruído cesaba e crendo que xa non tornaría, este aparecía con máis ímpeto facéndoa retroceder. Porén as existencias de queixo esgotáronse. Chegara a hora de saír aínda que non fose o mellor momento, de certo ningún o era sabendo que un mínimo paso fóra traería a vulnerabilidade consigo. O saltar polas fiestras tampouco lle proporcionaba paz e matinaba na idea de que quizais detrás deses latexos acompasados que murmuraban nunhas ocasións e berraban con forza noutras, non existise nada máis que a súa aloucada imaxinación. Xirou a primeira chave, a negra, deixando manar a confianza e, sentíndose un pouco máis lixeira e valente, continuou pola segunda, de ton aferruxado, a cal desvelou coraxe mesturada con acougo. Co remuíño de sentimentos aflorando coma rosas na primavera pasou a virar a última que quedaba, a dourada, a que a espía totalmente converténdoa nun ser indefenso. E sen máis, alí estaba, o amor.
Sabía que a destrozaría, que o protexerse era vital, porén as casas teñen fiestras e portas e así como entra o frío se as deixas abertas tamén hai posibilidades de desfrutar da calor do sol. O tempo é inestable, imprevisible... Os ratiños seguirían pululando no faiado e, por se decidisen invadir outras partes da casa por non saber controlalos ou desfacerse deles, aprendería a tocar a frauta cal Hamelin, agardando que nunca lle faltase o aire.
Nenhum comentário:
Postar um comentário