28/01/2009

Chove porque canto

O sábado pasado comezamos o Taller de Voz na miña zona. Estaba desexando ferventemente asistir, pois pagamos un prezo moi económico sen desprazarnos a grande distancia como ocorría antes se pensabas estudar algo parecido. Lástima a súa curta duración, nembargantes paga a pena asistir. No fondo teño ganas de volver a cantar, non sei se o farei algún día, a ver por onde me leva a vida. Todo isto debémosllo á Escola Alboio grazas ás protestas feitas diante do concello pedindo locais de ensaio. Ogallá máis xente tivese iniciativas desta índole para que todo o mundo, teña a idade que teña, acceda con facilidade a todo tipo de cursos. Hoxe estiven vendo o que tiña grabado co móbil antes de que fundise a tarxeta de sonido para analizar os erros e así cando remate o curso, ver se hai un antes e un despois. Necesito moita técnica, doume conta cada vez que me escoito, tempo ao tempo. Ía poñer un vídeo pero morro de vergoña ao escoitalo. Amosa a voz sen trampa nin cartón cun sonido pésimo (parece desafinado). Para que sonase xenial tería que estar nun estudio de grabación e non na miña casa cun móbil cutre que distorsiona. Outro día será... Agardo que a choiva e o temporal non sexan culpa miña.

22/01/2009

A lei da atracción

Heidegger: "Hai que saber escoller e máis escollerse, un escóllese en función de con quen está... o outro pode mostrarte o peor e o mellor de ti mesmo"... No refraneiro popular: "Dime con quen andas e direite quen es". Sen querelo, xuntámonos co reflexo de nós mesmos, ou como nos gustaría ser. Marian díxome en Cáceres un día (fai + ou -, nestas datas, 1 ano que a coñecín, bendito encontro) que un 7 xúntase cun 7, un 4 cun 4, un 3 cun 3, etc. Unha forma moi matemática pero orixinal de explicalo.

Estaba lendo un artigo sobre o diñeiro (maldita crise) para ir dar ao perdón, porque sen el non nos sentimos merecedores das mellores cousas da vida. Di que somos pecadores natos, e non ese pecado do que nos fala a igrexa católica senón porque pecado en grego disque significa "errar ao branco". Obramos, moitas veces, como podemos, non como queremos. Nesta vida cometeremos moitos erros, como se fose un borrador para aprender e chegar a ser mellores. Un ten que saber escoller quen quere ser, perdoar e alonxarse das persoas que sacan a nosa peor sombra. Cando aceptamos todo esto, perdoámonos e perdoamos a todos os seres que nos fan ou nos fixeron dano. É un pouco como "a lei de atracción", sentirse libre e en harmonía para poder atraer todo o positivo ás nosas existencias. Gustoume moito o documental que fala do "segredo", xa falei del noutro post. A mente pode obrar milagres, hai que crer no seu poder. Non apto para escépticos.

"THE SECRET" RHONDA BYRNE



21/01/2009

A terapia da kk

Moitos pensamentos, nada que contar. Levo xa uns cantos días encerrada, a gripe pilloume con forza, polo menos agora xa respiro aínda que os senos para-nasais doen coa falta de drenaxe de tanta conxestión. Despois de tantos meses evitando tomar azucre (por moitas causas, a máis importante é o subidón seguido do baixón que dá, afectando física e animicamente) e estando maliña non teño máis que antollo de chocolate quentiño con "croissants". Deixar o vicio de fumar para caer noutro (onte fixen 2 meses sen tabaco e levo aforrados 300 euros, díxomo o quitómetro). Ter tanto tempo para pensar non é nada bo, barallo e barallo sen chegar a ningunha conclusión específica de nada, só sirve para comer o tarro e acabar tomando máis aspirinas. Estiven lendo libriños dos meus, empecei varios á vez: Masajes y reflexoterapia, Mente creativa e Gimnasia cerebral, teño pendente o de Feng Shui. H di que parezo "La Hierbas" da serie "Aquí no hay quien viva" con tanta terapia alternativa. Cada un é como é, ou como quere ser, mellor dito.

Tamén remexín, coma de cotío, por internet, lendo as novas do día, as actualizacións de blogues... para seguidamente escaquearme de páxina en páxina ata atopar artigos rariños que acaban enganchándome. Fun dar a un remedio un tanto curioso para a ira (hai veces que fago como en Ally McBeal, na imaxinación recreo accións que non podo, nin quero, facer na realidade por motivos obvios). Resulta que, para librarse do rancor, odio, vinganza, etc... cada vez que vaias ao wc a expulsar os residuos tóxicos, fluídos ou sólidos, do corpo (senón estouparíamos), penses que tamén eliminas eses estados emocionais tan autodestructivos. Sensacións que envelenan a alma e anubran a mente impedindo a paz mental. Hai de todo: "Lance sempre encontrou a súa motivación na ira e no rancor. E debo dicir que si gañar é agradable, non hai nada máis pracenteiro que facelo cando todo o mundo quere que perdas", dixo o director deportivo do ciclista estadounidense Lance Armstrong.

Pois nada, a poñer en práctica eso de eliminar sentimentos negativos cada día!!!

*Falando de Ally McBeal, paréceme divertido voltar a ver o baile mítico da serie coa canción de Barry White: You're the first, the last, my everything.


16/01/2009

Ai, Carmela

Hoxe despois de falar con Carmeliña polo móbil (uso diminutivos máis a miúdo cando se trata de persoas altas, por cariño tamén) do tema do seu negocio, fun directamente a ver a noticia en internet: xa colleron aos culpables do desastre da icineración do quiosco. Con sorte, a ver se a xustiza fai xustiza, valga a redundancia. Aínda que despois de ver o programa da Mercedes Milá "Diario de..." esta semana, e o da folga dos xuíces, non quero dicir máis...

A Voz de Galicia

Agora na alameda pobrense faise estraño ver o oco vacío sen o quiosco rodeado de nenos, ou non tan nenos, a mercar larpeiradas. Axiña voltará, será outro, diferente, pero estará.

Adícolle esta canción do alemamalo (a ver se fai máis versións tan boas), por certo, gústanme moito os seus vídeos:




14/01/2009

Coelliño Orelliñas

Despois de ver esta versión en galego de alemamalo non podo evitar poñer este vídeo, téñoo como tono cando me chama H, en plan cursi e en español. Espero que me conceda a honra de poñelo no meu móbil. Aí vai Snuffi transformado en Coelliño Orelliñas, moi bo: