
Este blog éme igualiño que unha sesión de psicanálise, exceptuando de que as pausas e rectificacións que preciso teño que buscalas eu mesma (ou grazas a conversas e interaccións con outra xente para ben ou para mal) e, aínda que igual ou máis lento, afórrome os 60 euros semanais. Pra moitos isto é unha raiadura infernal, pra min pode que tamén máis como é "meu" fago o que me peta e, sen ánimo de faltar, quen non queira ler que non lea, porén creo que non son a única que pasa por isto e igual axuda a pensar a quen non se atreve a facelo. A espiral é inmensa e interminable, pero cando boto a vista atrás doume conta de que valeu a pena o recorrido, e o que me queda!!! Quizais non teño os coñecementos indispensables (quédame moito por vivir, aprender, ler, compartir...) e me erre moitísimas veces, máis pasiño a pasiño faise o camiño (e ata rima). Sorpréndome a min mesma en cada post, non do xeito que espero, senón de que vou vendo as mutacións que sofren os pareceres e do cambiantes que chegan a ser os pensamentos que, unha vez relidos, fan que me estrañe do que expoño e pense se son eu realmente a que escribiu iso. Un xeito de xuntar pezas abríndome a outras realidades, deixando aos poucos subxectivismos que me encaixan en patróns de conduta que non me levan a ningures e, de paso, orientarme a novas e diferentes emocións.
Sempre oín que o máis importante é recoñecer onde fallas e de aí dar co xeito a transformarte, nembargantes sen condicionarse polo que os demais esperan de ti, con personalidade e sen deixarse influenciar por outros pra te sentires aceptado. A esencia de quen son ten que permanecer inmutable ao que rodea e, sen danar, forxarme como a persoa que son e quero ser. Sempre pra ben. Pois nada, que queda raiadura pra "rato" e gato.