17/07/2012

De "tiritas" e outros sentidos taponados

Quero pensar que todos nos preguntamos cousas semellantes ao longo do curso da vida, pode que produto das circunstancias que se nos escapan, ás veces, un pouco ao noso entendemento por moitas voltas que lle deamos. Hai etapas que se repiten, como se a lección non fose aínda aprendida, angustias que volven interrogando que fas mal  pra rematar pensando que algo erróneo está en ti, máis non toda a culpa recae nunha mesma, agás polas malas escollas, tanto por non ser o intre correcto como un medio defectuoso. O que merece a pena custa esforzo, nembargantes sabemos que cando é o momento axeitado tornan os esforzos en  doados, máis do que imaxinabamos e que insistir nun mesmo erro é do máis absurdo e agoniante.

A intuición sempre está aí, cremos que a perdemos, quizais ignorámola por adaptarnos ao que queremos que sexa, pero a verdade acaba saíndo ao final do que pensabamos nun inicio. É vital dar oportunidades, de todo se aprende, porén enganámonos a nós mesmos con algún camiño que decidimos seguir, obviando que nos levará a onde non queremos ir. As persoas tamén aparecen nese camiño: por afinidades, por vivencias semellantes, por suposto apoio... as cales nos fan estar un pouco menos sós e incomprendidos neste mundo, porén cegámonos fuxindo da realidade e, aínda que cremos escoitármonos os uns aos outros, somos seres egoístas intentando repararnos sen ter en conta como quixeramos aos demais. Un barullo psicolóxico que impide ver máis aló do que os ollos nos amosan e menos aínda descifrar o que esconden as palabras que oímos. Somos así por natureza, pola autoconservación, sobre todo cando as condicións internas e externas nos bloquean, ou deixamos que nos bloqueen pois se hai intención de dar un paso adiante pra superar barreiras, deixamos atrás un toma e daca que fire entre posturas que soan a ameaza máis que o que é maiormente.

Veñen despois os lamentos, eu dixen ou quería dicir, ti entendes ou quixeches entender... xordos mergullados en sen sentidos sen chegar a ningún acordo. Só se paraliza quen non pretende saír desa inercia, vendo o que se quere ver, sen reaccionar, buscando entendemento por outras vías, afastándonos de conflictos, sen contar con ninguén por medo a seguir defraudados, covardías que resaltan parches pasaxeiros, da felicidade que se evapora por ser algo momentáneo e fugaz, sen ser o esperado. Así que... non creas que te entenden ou que te ven como es, es o seu simple reflexo ou quizais o que precisan nun intre determinado. Corpos con nicotina que te ven coma ese parche de quita e pon, corpos magoados que te ven coma unha "tirita" que cubre as feridas que non queren ser curadas, en calquera intre acabas no lixo despois da túa función. Cada un que entenda o que queira entender: se non es a súa solución pois serás parte do problema. Onde queda a papeleira máis próxima?

2 comentários:

peke disse...

Durante a mocidade coidaba que a comunicación era doada se falabas con sinceridade empregando as palabras máis precisas que coñeceses. A pesar diso con frecuencia había malos entendidos, porque non só somos palabras cando falamos, senón tamén xestos, acenos, movementos, tons... Ninguén está dentro da cabeza de ninguén nin coñece o porqué de que se exprese como o fai.
Hoxe, a pesar do que choveu, penso que unha comunicación clara, aberta e sen estridencias nin interpretacións persoais por parte dun e outro interlocutor, unha comunicación así, é imposible. Por moito que me doia. Supoño que así ten que ser.

Bonequiña de trapo disse...

Temos o don da palabra máis cada persoa exprésase como ben pode. Por moi boa intención que se teña os entendementos son complicados, hai moitos factores que interveñen: as vivencias de cada un, a empatía, o non saber transmitir o que realmente se pensa... Por iso sei que é moi importante coñecerse e entenderse primeiro a un mesmo pra poder, do mellor xeito, facerte entender, xa que moitas veces nin un mesmo sabe como facelo.