21/07/2012

Luces e sombras

Foi moito tempo... atrévome a afirmar que ninguén me coñece como H, inclusive mellor que eu a min mesma en algúns sentidos. Intensos e longos diálogos a través dos anos que, pese ás distancias e aos cambios, seguen permanecendo vivos. Esas persoas "case" únicas (digo "case" porque quero crer que hai máis xente así no mundo) e especiais as cales, aínda que o destino as leve por outros camiños (ou nos leve) sexa polo motivo que sexa, fante entender que existen conexións diferentes ao resto dos mortais, que nunca se está tan só como poida parecer nalgúns momentos da vida. Isto último tamén vai por M e quero crer que irá por moitos máis que virán.

Polo comentario a un post pasado no que sae unha pequena referencia ás propias sombras, ao que nos atormenta, recordei un documental que vira meses atrás e, grazas tamén a un par de días de desconexión con H ofrecéndome unha vez máis a súa man, decátome, tamén unha vez máis, de que nada é casual, que todo o que acontece (para ben ou para mal) ten unha razón de ser. Encontros e diálogos que me aproximan a novos entendementos de min mesma e do que me rodea, xustiño neses intres en que volve a escuridade. El reaparece coa súa luz para iluminarme o camiño se eu perdín os propios recursos ou, si se deu o caso, pra erguerme despois dunha caída cando inevitablemente os meus xeonllos xa bateron contra o chan. E aí está, devolvéndome a claridade e, unha vez de pé, orientándome cara onde andar, aprendéndome a curarme as feridas para que siga adiante (así mo explica el coa súa forma peculiar de dar consellos e ánimos).

Está claro que todos temos sombras e que hai persoas que nos axudan cando nós somos incapaces a afrontalas (quen decide facelo, pois non se pode axudar a quen non quere ser axudado). Pasamos polas vidas dos demais por algún motivo porén hai que aceptalos como son (somos mestres e aprendices a un tempo e viaxamos en diferentes etapas de evolución) e aceptarnos a nós mesmos coas eclépticas emocións tan humanas, perdoarnos e perdoar os demais cando se cometen erros. H díxome algo así onte: non te castigues nunca máis, fas as cousas o mellor que podes e sabes. E recorda que quen te queira terá que estar disposto a evolucionar contigo afrontando tanto o estar dentro da luz como dentro da escuridade e contigo é un pracer facelo, porque aínda que non saibas ver de todo quen es, es unha inconformista e loitas sempre, non creas que non o fas.

Por persoas así preto é polo que vale a pena esta vida. 

Nenhum comentário: