23/07/2012

Who am I?


A mente humana é do máis complexo e difícil de descifrar. Hai tantos intres nos que non interpretamos con exactitude o que nos quere dicir: ¿por que actuamos dun xeito ou doutro?,¿ por que nos gustan certas cousas e non outras?, ¿que nos atrae?, ¿que odiamos?... As nosas vivencias e experiencias dende cativos inflúen moito nos nosos comportamentos, nas formas de pensar e sentir. A mente é un labirinto interminable de explorar, dado que cando cres que te aproximas máis á propia comprensión volve algo que se che vai das mans e dá a impresión de que é unha meta imposible de alcanzar.

Como nos ven os demais tamén forma parte da aprendizaxe, as diferentes etiquetas que nos colocan por meras suposicións, polo que "supostamente" transmitimos e tamén por quen eles son, ven o que queren ver. Como me dixo a miña curmá o outro día: "Os nosos inimigos son os nosos mellores mestres". Pra uns podo ser un anxo, pra outros unha frívola, quizais despreocupada e alegre, ou pode que unha narcisista que sempre pensa en si mesma e non deixa de escribir sobre ela no seu blog. Pra min o fundamental agora é iso, coñecerme, non se trata de ser ególatra, senón de afondar na esencia de quen son realmente. Podo ter a disposición de axudar e cambiar o mundo, máis se non comezo por min mesma... "Sé o cambio que queres ver no mundo", intenta "predicar co exemplo máis que coas palabras". Ai, que difícil parece!!!

A xente búscate cando aparentas unha persoa misteriosa, se ocultas as debilidades, se tes boa presencia, se ven motivación en ti que os motive e un sen fin de elementos que nada teñen que ver coa miña forma de actuar. Vou de fronte, digo quen son aos catro ventos, sempre auténtica (ou iso procuro), intento mellorar como ser humano, etc... máis parece que iso non é suficiente pra os que me rodean, sempre piden máis e máis sen eles facer nada por cambiarse a si mesmos. Afirmo que iso me ten un pouco farta, do que esperan e queren de min, e até aquí cheguei. Non penso disfrazarme, ser outra persoa, agradar pra que me queiran... Así que reitero: até aquí!!!

Son testaruda cando me poño pero entro en razón se sei que non a teño; débil nalgunhas situacións (demasiado sensible), moi forte noutras; comprensiva máis cos que me rodean que comigo ás veces; atenta e preocupada cando alguén precisa que @ escoiten; son alegre maiormente máis decaio con facilidade ante a incompresión deste mundo tolo que vai ao seu; medrosa en ocasións, moi valente en outras; raiada por decepcións que me mergullan na desconfianza, aínda que procuro dar oportunidades e crer que a maldade non é tal... seguiría intentando dicir quen son, poñéndome etiquetas, moitas contraditorias, pero iso é o que somos todos, vivimos en contradicións continuamente, somos seres cambiantes. O que si teño claro é que quen pase polo meu carón nunca poderá dicir que fun outra persoa, sempre fun eu en estado puro e isto é o que hai. Quen se quede preto, saberá que non podo ser o que espera, pero si quen aprende e mellora coas circunstancias. Quedade ou marchade, pero na porta non vos poñades que atascades o tránsito das cousas boas que están a piques de chegar. Cada un sabe o camiño que seguiu e os zapatos que tivo que usar e xulgando non se vai a ningures, pero agora si, sendo un pouco egoísta, digo: ás veces poderiades ir todos un pouco ao carallo (bueno, voume incluir)!!!

Nenhum comentário: