09/07/2012

Camiño do propio paraíso

As pinceladas tiñan moi bo xeito, as cores combinaban harmoniosamente cheas de matices que resaltaban o seu conxunto, a paisaxe transmitía paz e boas vibracións, as gaivotas voaban felices na busca de peixes dos que alimentarse sobre un mar calmo e cristalino reflectindo o azul do ceo nun día soleado do mes de xuño. Porén, para ela, estaba posuído de ondas agresivas converténdoo en revolto, escuro, sucio... entre tornados de auga que o ceo enviaba cabreado sen ser consciente do porqué, ademais das supostas gaivotas que ela confundía con corvos, aves negras e voraces onde máis que axudar no proceso do equilibrio da natureza, semellaban ameazas invadíndoa sen piedade. Vivía aferrada á catástrofe sen saber o que realmente representaba cada elemento que posuía.

Sentíase un produto sen valía, así llo fixeran crer dende que fora creada e así o recreaba nese espectáculo falso e dantesco. Os artistas, esixentes e inmersos na ignorancia da súa capacidade, comparaban entre lamentos a súa obra: "Non estou contento, é como outro cadro calquera, aquel ten o que o meu non..." e así nun sen fin de menosprezos. E así era ela, o reflexo do seu entorno, crendo que non merecía máis que estar colgada dentro de calquera antro cheo de graxa opacando, máis se cabe, quen era na realidade e, por ende, dándolle a oportunidade ao outros "artistas" a quitarlle o seu valor auténtico.

Un día apareceu un mercader de arte, deses únicos que vén máis aló do evidente, o trasfondo que outros son incapaces decidindo facerse coa obra. Aos poucos tentou devolverlle a tranquilidade que lle faltaba, a valía que outros pousaran nela erradamente. Pasaron os anos e o mar, o ceo, a area, etc. ían recobrando a cor natural, as gaivotas xa non eran bechos malvados, a restauración do orde ía en desenvolvemento, máis decatouse de que lle quedaba un longo recorrido entre obstáculos pra chegar ao final do seu camiño, que el xa non podía facer máis nada e con toda a dor do seu corazón deixouna ir. Sabía que tiña que ser así.

No fondo do lenzo, ao lonxe, sobre a auga, adornaba unha illa fermosa. No traxecto cara a ese paraíso resaltaban en zig zag pedras con obxectos e seres que non puidera discernir antes entre o rebumbio do maxín, as fases que tería que ir pasando pra chegar a onde quería sen saber con exactitude se era aí a onde debería ir. Episodios nos que decidiría se nadar ou buscar outro método de transporte, máis o primeiro paso fora amainar o caos que tiña enriba pra poder ver as sereas, as estrelas de mar, o vehículo acuático que facilitase a pasaxe, os delfíns... cada un cunha aprendizaxe e unha valiosa axuda. Tamén atoparía ogros, porén todo formaba parte da evolución cara ao verdadeiro destino.

E así, continuou a busca, de pedra en pedra, topando con eses seres e obxectos, cada un cunha mensaxe, decatándose de que a vida non é fácil, pero con outro cristal co que véla. Que o primordial é desfacerse das pantasmas, do mal aprendido de si mesma pra poder seguir avanzando, cara esa illa paradisíaca do seu interior. E aí vai, pasiño a pasiño. Quen non saiba valorala, ela agora xa sabe que non debe afectarlle endexamais, porque aprendeu a lección e espera superar todas e cada unha das probas pra chegar a onde quere.




Nenhum comentário: