08/07/2012

Entre soños e pistas


Outra vez veñen a min. Xa me pasou máis veces e aínda que me chamen friki (tamén mo chamo eu autovacilándome e xa din que do xeito que te tratas, trátante os demais) aí están os sinais que preciso, xustiño cando os preciso. Poden ir dende lecturas, persoas, viaxes, etc. Dá igual, o caso é que veñen pra axudarme a entender moitos porqués que non dou entendido. Pode que me porte ás veces coma unha cría, esa que silenciei durante anos estancada e desorientada que non sabía cara a onde tirar nin que facer, totalmente perdida. E tamén pode que moita xente non me entenda en absoluto, e non é de extrañar, pois nin eu o fago algunhas veces a pesares do camiño recorrido, máis o tesón continúa estando aí pra mudar o que precise. E todo me leva ao mesmo, á nena interior que sigue loitando por sobrevivir, buscando sanar as feridas abertas, esas que por falta de gnose fan que me desangre, que morra por momentos caendo na apatía, falta de ilusión, tristeza, ira, nostalxia...

A soidade tamén é dura algunhas veces, un sentimento de abandono que medra cando o ego me cega sabendo que estou no camiño correcto, que é o que preciso pra medrar sen perder a esencia de quen son realmente. O poder está dentro miña, non dependo nin do cariño de ninguén, nin de agradar pra sentirme aceptada, e menos a base de expectativas externas, non funciona así. A todos nos gusta formar parte de algo, que nos queiran, nos mimen, nos entendan... e non é que nos guste, é porque o recoñecemento exterior fainos ser, aínda que sexa por medio de etiquetas que nos colocan enriba os que nos rodean. Xa me cansei, soa a ego, necesítoo a pesares do sufrimento, soa a vontade e esforzo por evolucionar. Queda un largo e duro traxecto, máis síntome masoca, ¿non me perderei moitas das cousas boas da vida nesta busca? Agardo que a recompensa veña, a paz e harmonía que todos buscamos non chegue demasiado tarde.

O soño desta semana repetiu medos pasados, espertei asustada. O meu subconsciente avisándome de que algo regresaba, que aínda me quedan batallas por ganar. "Soñei que tiña medo, eu pensaba que boa parte do traxecto fora recorrido, que estaba case libre de demos e resulta que seguían estando aí, o que máis temía regresaba ou quizais nunca marchara de todo porque os demais víano sempre e eu deixara de percibilo até o momento (un ente maligno que sempre me quere posuír e se ri dos meus esforzos en van). Andaba enganada e decatábame. Quixen pedir axuda por unha vez, recurrir a quen todos recurrimos nalgún momento das nosas vidas, quen sempre está pase o que pase e nunca falla: a mamá. Máis por non preocupala non quería facelo e, entre dúbidas de que facer e a piques de falar con ela, comecei a ver sinais que me orientaban. Xente descoñecida tamén me ía dando as pistas necesarias, sen pedirme nada a cambio, axudándome a ver o camiño a seguir pra poder facelo soíña, librándome de todo mal."

Nenhum comentário: