03/12/2011

Altibaixos

Observo o que me rodea, calo, agardo, suspiro, reacciono... a "montaña rusa" sube e baixa sen piedade. Faime meditar no porqué me subín a ela se sabía o que me agardaba. Nuns momentos descúbrome pletórica, capaz do que me propoña; noutros máis abaixo do que os meus pés pisan, incapaz de nada. E entre altibaixos sigo tirando do meu ser pra diante. É igual que cando saio a correr, zancadas que deixan atrás centos de problemas, loitando porque as miñas pernas resistan, cando sei de sobra que dan moito máis de si e que o que falla é a mente que pide un "basta por hoxe". Confío, quero confiar, en que o que me depara o futuro é agradable, que a recompensa chegará, que preciso calma e aguante sen virme abaixo, que tras a tormenta, por moi dura que sexa, sae don Lourenzo, o arco da vella, a claridade...

Sempre que escribo neste blog saco as tristezas, o que realmente non son, a autocompaixón, a esperanza, etc. e doume conta de que non é o meu reflexo. Non son así, e ódiome por remexer no lixo máis fedorento, repetíndome tanto que apesta. Máis isto é como unha terapia, un xeito de escorrentar o que non serve. Tentarei a partir de agora, se digo "tentarei" xa a estou cagando, sacar o mellor que teño, porque sei que o teño. E como lin un día, o sorriso hai que amosarllo ao mundo, aínda que por dentro as infinitas bágoas nos inunden, porque as costumes facémolas nós, e sen querelo aprópianse enteiramente dos nosos corpos. Un sorriso ben amplo, porque nada está perdido, hai moito por facer. Quero crer que son ese punto de luz, como os demais me ven, unha estreliña que ofrece un pouco de harmonía ao ceo na escuridade, sen pararme a imaxinar se xa está morta ou non a milleiros anos luz.






Nenhum comentário: