18/12/2011

Quixera ser papel

Adoro como ule cada folla que compón un libro, inclusive máis cando ese rancio infire o seu toque de permanencia no tempo que o converte en reliquia. A cantidade de sabedoría, sentimentos, leccións, coñecementos, etc... que esconden no seu interior. Cada letra que se xunta formando palabras, parágrafos, páxinas e historias por descubrir.

A friaxe das novas tecnoloxías permítennos acceder a todo iso, pero nin punto de comparación con ese pracer de sentilo nas túas mans, de acariñar cada unha das súas partes mentres se avanza no seu contido.

Quixera ser papel, coa fraxilidade que conleva, cheo de fermosas e desagradables mensaxes impresas coa tinta da vida, con todas e cada unha das experiencias pasadas, que fan o libro que son. Un libro que sigue a escribirse pouquiño a pouco, sen saber que terá que contar nun futuro e menos aínda en que punto terá a palabra "fin". Todos somos libros andantes, coas nosas vivencias, medos, alegrías, fobias e todo o que se poida imaxinar. E ti que queres ser? As simboloxías poden variar, e aínda que soe sumamente "cursi", así é como o vexo eu hoxe. Formamos parte da biblioteca da humanidade, do universo. Escribamos xuntos e adornémolo con debuxos, quedan moitos relatos por contar.




Nenhum comentário: