18/12/2011

Das cintas á infancia

Despois de compartir unha imaxe no Facebook dunha cinta de radiocasete, viñeron outras imaxes do meu pasado á miña cabeciña. Parece que certos espazos de tempo vividos esvaecen na nada, máis sempre voltan, están aí agochados nalgunha parte do cerebro que nos fan retroceder cando salta á vista algo que nos somerxe de cheo no que criamos olvidado. E agora mergullada na infancia recordo as cancións que inventaba e gravaba para pasalo tempo, os arrotos que botaba, agora perfeccionados brutalmente, que me facían chorar de risa mentres llos facía escoitar a meus irmáns. Recordo tamén o estraña que se fixo escoitar a miña voz por primeira vez, tanto a cantada como a falada e non recoñecerme nela, sentíndome como outra persoa, pois sempre soamos de forma diferente ao que cremos soar. Tamén recordo a cinta de meu pai de Ana Kiro, eu enriba da mesa pegada á radio e escoitando unha e outra vez a “Galicia, terra meiga”, mentres me ollaban alegres vendo o que desfrutaba da música con só 3 aniños. Teño que recoñecer que o meu gusto se foi alienando, pasando de Ana Kiro a Rocío Dúrcal ata chegar ás voces negras de Boyz II Men, Whitney Houston, Mariah Carey…

Uns pensamentos lévanme a outros e tamén me paro a pensar en canto afecta o que pasamos na infancia pra nos converter en quen somos. Sempre existirá algo que nos marque, a sobre protección que existe no núcleo familiar é inestable, hai cousas que escapan ao control de calquera. Tamén que por moitos esforzos que se fagan acabamos sendo unha proxección dos nosos proxenitores e ao medrar é cando somos conscientes de todo iso. Ninguén está a salvo a pesares da boa vontade, o mundo é cruel. Bendita psicanálise, porque aínda que todo poida parecer que é o que toca, algo normal dentro dos marcos establecidos, existen lagoas das que ninguén pode manternos a salvo por moito que o neguemos. A busca de quen somos e quen queremos ser aparece, e sobre todo, non querer sentirnos ao 50%. Eu quero ser: 100%, así que seguirei buscando.



Ha, e non esquezamos sobre tódalas cousas, que a FELICIDADE non existe. Canto antes o saibamos mellor estaremos.


Nenhum comentário: